O Antela acompaña a Luis Menor na visita ás obras na Moreira

Informa Dende A Limia:

“O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe, acompañado polo alcalde e a concelleira de Deportes de Xinzo, Amador Díaz e Cristina Campero, respectivamente, xunto a outros representantes institucionais do municipio, o avance das obras realizadas no campo de fútbol da Moreira en Xinzo de Limia, onde a Deputación investiu 119.995 euros na súa reforma. As obras entran na súa recta final coa creación dunha sala de reunións, dous aseos e unha zona recreativa na parte superior da grada. A intervención complétase coa reforma do tellado e a execución das escaleiras de acceso ao nivel superior, co obxectivo de gañar funcionalidade e mellor experiencia de partido para afección e clubs. Teñen o remate previsto antes do 7 de outubro”.

O presidente do Antela F. C. acompañou ás autoridades durante a visita a unhas instalacións das que tamén goza o club e na que se forma a canteira branquinegra semana a semana. Pablo Losada agasallou a Luis Menor cun exemplar da Historia do Antela, obra de Miro Cerredelo polo aniversario do club en 2019.

Luis Menor aproveitou para felicitar á directiva do Antela F.C. pola “extraordinaria” tempada pasada e agradeceu que sexan “exemplo de historia” e de manter “viva esa chama” polo deporte, engade o dixital Dende A Limia.

Foto: Dende A Limia.

A NOVA NO DENDE A LIMIA: Aquí.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario