O clásico do Furriolo chega nun momento doce para o Antela (invicto e coa portería a cero) e para o Celanova (tamén invicto e con 5 goles anotados xa). Ambos clubs, con experiencias frustrantes nos seus últimos pasos pola Preferente, parecen dispostos a lle dar un xiro á historia.
O domingo (17 horas) no municipal de San Rosendo, con dúas afeccións crecidas, revivirase unha rivalidade que non se daba en Preferente desde a tempada 2004/05. O primeiro clásico daquela Liga xogouse na Moreira o 31 de outubro. Gañou o Celanova (0-1, con gol de Dorribo en propia meta). La Voz de Galicia titulou a noticia: “El Antela puso el juego pero careció de efectividad”. Polos locais xogaron Dorribo, Hermida, Willi, Neil, Ruanova, Víctor Arias (Juan, 57′), Gonzalo (Pisto, 63′), Toni, Diego, Sierra e Carlos (Óscar, 59′).
O Sporting aliñou a Berto, Barge, Lucas, Tito Currás, David Francés (Carlos, 81′), Bastero, Ramón, Cheli (Julio Pablo, 87′), Oli (Rubén, 88′), Quique e Nicol (Vilachá, 84′). O Celanova, que levaba tres tempadas na Preferente, remataría oitavo aquela Liga e inda sumaría outras tres campañas na categoría. O Antela descendeu nesa tempada, poñendo fin a tres consecutivas na división, a mellor serie neste século.
O choque da segunda volta disputouse en Celanova a finais de marzo. O Sporting gañou un partido tolo no que acabou sen porteiro e o dianteiro do Antela Diego anotou un hat-trick que valeu de pouco (4-3).
FONDO DE ARMARIO
O Antela volve ter fondo de armario, como é o gusto do adestrador e unha condición indispensábel para competir en Preferente. Nestes tres primeiros partidos de Liga, o técnico dos limianos repetiu o porteiro (Bruno Pío), dous defensas (Pucho e Cole), dous medios (Peruzzo e Xabi Lamas) e dous dianteiros (Charli e Carlos). Sete homes forman a base neste arranque.
Na defensa foron titulares no primeiro partido Tiago -expulsado ese día- e Boán -expulsado a semana seguinte-. Os centrais serán dúas pezas básicas, pero tamén Couto, titular nos dous últimos choques, e Lois, sempre fiábel cando ten que aparecer.
No medio campo, Sabucedo estreouse como titular na vitoria ante o Beluso, e demostrou que, ademais de Kandeh, o Antela conta con apoios de calidade para Peruzzo e Xabi. Como quinto mediocampista está Andrade, que debutou o domingo como central por lesión de Couto. Pedro Castro tamén pode botar unha man nesta liña, onde foi habitual a pasada campaña.
Arriba, coa chegada de Negrete, Bruno Gómez dispón de recursos variados. Outeiriño, Jorge, Antón e Dinís xa dispuxeron de minutos. Polo momento, Charli e Carlos tomaron o protagonismo.
O CELANOVA
Ángel Mociño, técnico do Sporting, mantén medio bloque da pasada tempada, con Valencia na portería, Coello e Miguel Mociño no centro da defensa e Diego Rivera, Javi Gallego e Brais Álvarez cara adiante. Mais reforzou a ofensiva con Joni (3 goles), incorporado para os play-off de ascenso, e Emmanuel Flor (2 goles). Hugo Pérez (cun breve paso pola Moreira) achega experiencia e calidade no centro do campo. Como Hugo, desde o Verín tamén chegou Mauro Mociño, máis traballo e experiencia para un equipo ao que o adestrador acostuma a lle sacar o máximo partido.
Despois de dous empates fóra e a vitoria na casa fronte ao Portonovo, o Sporting protagoniza un arranque soñado, e tamén soña con cobrar desquite do último clásico en Celanova, hai pouco menos dun ano cando un gol de Breixo e unha sobresaínte actuación do Antela permitiron que os de Bruno Gómez venceran (0-1) e consolidaran un liderado que xa non deixaron até saír campións.
O clásico do Furriolo preséntase como un dos máis equilibrados da historia. Mais sen o dramatismo da pasada tempada ou Ligas anteriores.
