O Antela B empatou na Moreira co Maceda (0-0) nun choque que tivo unha parte para cada equipo. Dominou o Antela os primeiros 45 minutos, pero apenas creou ocasións de gol. E iso que Felipe realizou o seu mellor partido nesta Liga e foi moi incisivo pola esquerda. Na segunda metade, o Maceda impuxo o seu fútbol e dispuxo de oportunidades para se adiantar. Lulo, que debutaba como titular, foi quen sostivo ao equipo nos peores momentos.
Cos cambios mellorou o Antela, que recuperou a profundidade. Mais na área estivo tímido. O Maceda, ao seu, tirou de experiencia. Os de Iván Gómez inda morden con dentes de leite, pero o equipo compite, exhibe a calidade da canteira limiana e conta co Joni, sempre disposto á pelexa. Veloso, outros dos debutantes, completou un bo partido, demostrando que o fondo do armario é moi amplo.
Despois de catro xornadas deste endiañado comezo de Liga, o Antela B non gañou, pero só perdeu un partido. Agora veñen curvas, a próxima semana en Verín e a seguinte na Moreira contra o Muíños. En Verín non estarán nin David Lamas nin Felipe, expulsados na liorta que pechou o partido desta mañá.
Resultados e clasificación: AQUÍ.
