A capitanía gáñase en partidos como o desta tarde en Celanova, no que o Antela venceu (1-2) despois de se quedar con dez homes no campo durante case toda a segunda parte pola expulsión de Mauro Sabucedo no minuto 49 tras golpear por detrás a un rival que saía ao contragolpe.
A capitanía mantívoa Pedro Castro -o que máis corre, o que máis pelexa, o faro deste Antela- até que á hora de partido, exhausto, foi substitíudo por Negrete. O Sporting acaba de empatar tras acosar sen tregua aos visitantes durante 15 minutos. Co 1-1 e un burato no medio campo, Bruno Gómez sentou os tres dianteiros e introducíu primeiro ao punta colombiano e despois a un central (Couto) e un volante (Kandeh). A misión era aguantar o empate.
Mais a capitanía colleuna Xabi, que se descolgou unha soa vez en ataque. Suficiente para colarse entre a defensa local e baixar un balón que lle viña de costas e rematar de zurda, mordido, pero ben cruzado. Era o minuto 71 e a segunda vez que o Antela lograba vencer a Valencia, o bo porteiro local que durante moitos tramos do partido sostivo aos seus. A anterior fora Carlos, cun chut seco desde a frontal no minuto 6 do encontro.
Con esa saída na primeira parte, con Pucho ben asentado xunto a Boán, e a dianteira traballando coma sempre, o Antela dominaba sen balón. Mais os partidos en Celanova sempre son longos. Mociño reaxiu obrigando aos seus a incidir polas bandas, e Enmanuel deu en fender no muro defensivo limiano. Bruno Pío non pasou moitos apuros, pero o Sporting empezou a dominar.
No minuto 1 da segunda metade, Valencia salvou un man a man diante de Carlos. Dous minutos despois, Mauro foi expulsado. Os seguintes minutos foron unha agonía constante, con gol de Emmanuel no 57, cun Celanova coas ideas ben claras en ataque, co balón sempre na área visitante… Saíu Negrete para meter en problemas aos locais, pero o Celanova -con moitas baixas hoxe- non parou de atacar sempre con orde e fe na remontada, mesmo cando Xabi fixo o 1-2 elevando o reto.
Con catro partidos e oito puntos no peto, o Antela seguirá na zona alta da clasificación e recibirá ao Cented a próxima semana como 3º, o mellor equipo ourensano da Preferente (igualado a puntos e goles co propio Cented, 5º).
Resultados e clasificación: AQUÍ.