Antela, 1; Colegio Hogar, 2.

O Antela cedeu a súa primeira derrota na casa (1-2, diante do Colegio Hogar) nun partido que os de Forri non puideron remontar no último tramo da primeira metade, cando Santana empezou a controlar o xogo e a conectar con Anxo.

O que a tempada pasada alcanzaba para sumar mesmo nos días malos, agora xa non alcanza. Os rivais son mellores, máis fortes, máis rápidos e máis duros. O Colegio Hogar, que viña de apañar oito goles contra o Cented, non pasou maiores apuros fronte ao xogo directo dos locais. Adiantouse antes da media hora e resistíu a carga do Antela, que conseguíu empatar antes do descanso (Bechiki, a pase de Anxo). Foron os mellores minutos dos locais, que estiveron perto de anotar o segundo.

Na segunda metade, Forri sentou a Aarón e Lucas Carnero. O Antela volveu recorrer ao fútbol directo. E o Colegio Hogar botouse definitivamente atrás. O partido transcorreu con dominio local e poucas ocasións até que os visitantes cazaron o 1-2 nunha contra.

Quixo o Antela volver a combinar, abriu as bandas, meteu xente arriba… mais os vigueses foron un muro. Tan só Anxo, en medio do bombardeo, xogando xa como nove, pillou dous balóns dentro da área. Os dous acabaron no pau longueiro. Un mal día sen sorte…

Resultados e clasificacións: AQUÍ.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario