Pasaron cinco xornadas e lonxe das penurias das últimas tempadas na Preferente, o Antela marcha líder (en solitario, tras o empate do Atios). Foi Cole o que estreou as redes das novas porterías cun gol dos seus: rompendo desde atrás e definindo como se estivese botando unha pachanga… Cole ten o sangue frío e as pernas áxiles.
Carlos causou baixa e Negrete tomou o nove deixando un recital de controis, amagues e pases. Cabe esperar o mellor do colombiano, que se está adaptando. Con Negrete no campo, Pedro botouse atrás e tivo a Charli e Cole de compañeiros nas alas. Cole vale para todo, xa o demostrou na etapa de Óscar Sabucedo en Preferente, pero agora está máis feito.
O Antela asfixiou ao Cented a partir dunha defensa sólida e solidaria, con Pucho e Boán ganado cada disputa e Peruzzo e Xabi limpando cada balón no medio campo. Hoxe, ademais, dándolle boa saída cara as bandas e cara a fronte de ataque.
O Antela, ben colocado, exuberante no físico e lúcido co balón, non acertou a matar o partido nesa primeira parte. Charli e Negrete deleitaron cun dous para dous que merecía gol, mais o limiano rematou frouxo.
Na segunda, o Cented avisou na primeira xogada. Despois dunha rápida resposta local cunha gran parada do meta visitante a disparo de Pedro, o Cented amarrou o balón, percutiu con insistencia pola esquerda até rebentar a Tiago (Cole ao rescate). Puido empatar o partido. Bruno Pío e unha acumulación de homes ordenada impedírono. Mais o Antela non deixou de sufrir e pelexar contra a constancia do Cented até o minuto final.
Resultados e clasificación: AQUÍ.
Ficha técnica: AQUÍ.


