Líder por unha xornada en setembro do 2003

A 2003/04 pode que sexa a mellor tempada de sempre. Non por como rematou a Liga o equipo, senón porque nesa campaña o Antela foi líder (1 xornada) da Preferente Sur e ademais gañou a Copa. Nos dous fitos o Celanova estivo polo medio. E tamén outro club que parece inscrito a lume na historia dos limianos.

O domingo 30 de maio de 2004, o Antela alcanzou a permanencia na Preferente despois de vencer ao Choco (3-2) na última xornada na Moreira. O equipo só sumara 5 puntos nos meses de abril e maio. A tempada complicouse ao final, porque arrancara moi ben: 12 puntos e seis partidos sen perder nas seis primeiras xornadas.

Na primeira xornada, o Antela venceu ao Hío na Moreira (1-0) con gol de penalti de Fabián no minuto 68). Empatou no Carballiño (1-1) cun tanto de Marcos, que acababa de entrar ao campo, no 89. Gañou o clásico co Celanova (2-0, goles de Martiñá e Óscar) na Moreira diante de 400 espectadores e cun terreo de xogo “inmellorábel” segundo a crónica de La Voz. O Antela era terceiro con 7 puntos, pero empatado no liderado co Vilalonga e Alondras.

Naquel clásico, disputado o domingo 14 de setembro de 2003, polo Antela xogaron Emilio, David Hermida. Willy, Neil, Tito Currás, Juan, Marcos (Óscar), Piñeiro, Martiñá (Esteban), Pichi, Fabián (e Gonzalo). E, polo Celanova: Óscar Sabucedo, David, Gonzalo (Elvis), Kiko, Teo, Álex, Julio Pablo (Sierra), Juan (David Francés), Oliveira, Nicol, Carlos (e Diego). “En la segunda parte el Celanova desapareción del campo y el paseo del Antela les brindó la oportunidad a los limianos de lanzarse a por todas”, relatou La Voz. O liderado durou unha xornada.

O domingo seguinte os limianos lograron equilibrar dúas veces o marcador para acabar empatando en Gondomar (2-2, con tantos de Martiñá e Gonzalo). Na última xornada de setembro o Barbadás, debutante na categoría, arrancou un punto en Xinzo (0-0). Con nove puntos, o Antela caeu á 5ª praza, a tres puntos da cabeza.

A segunda volta iría costa arriba. Empezou con 6 puntos (unha soa vitoria, en Celanova en febreiro, 0-2, con tantos de Marcos e Martiñá) nas seis primeiras xornadas. A continuación os limianos puideron vencer ao Cambados e ao Velle, antes do 1-0 na Moreira contra o Maside a principios de abril.

Sete semanas despois selaron a permanencia contra o Choco no peche. Ascenderon o Vilalonga e o Alondras. Entre os ourensáns, ademais do Antela, o Celanova, o Velle e o Barbadás (debutante), mantivéronse; e descenderon o C.D. Carballiño, o Nogueira e o Maside.

O equipo acabou a Liga 14º, un posto por baixo da tempada anterior, pero repetindo os números: 11 vitorias, 15 empates e 12 derrotas, e con balance goleador positivo (+1, por un +3 a campaña pasada)

Aquela foi unha gran tempada nas categorías inferiores. Os equipos infantil, cadete e xuvenil ascenderon á Liga Galega.

CAMPIÓNS DE COPA

Na Copa Deputación, o Antela superou nas semifinais ao Ourense B (0-3 na ida e derrota na Moreira 1-2). Na final contra o Sporting Celanova, Joel Castro aliñou a Emilio, David Hermida, Willy, Neil, Tito Currás, Sierra, Gonzalo, Piñeiro, Óscar, Juan e Fabián. Tamén xogaron Vila e Marcos.

Marcou Fabián de falta directa no minuto 9. O Celanova empatou no 18 por mediación de David Francés. E Óscar fixo o 2-1 no 41. O partido foi tenso. Tres xogadores e os dous adestradores acabaron expulsados. “Al final, mientras los de San Rosendo protestaban y se lamentaban, el Antela levantaba su primera copa. En cuestión de días la polémica estará olvidada y el trofeo descansará plácidamente en Xinzo”, resumía o cronista de La Voz, Xosé Ramón Castro.

Para o Sporting era a súa terceira final. Gañara as dúas anteriores, a última na edición de 1999. O Antela xogaba a final da Copa A por segunda vez, a primeira perdéraa diante do Barco no ano 1981, fora a primeira edición do torneo, e o Barco levou o trofeo cun gol de Lajosa (1-0).

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario