A canteira reacciona: o xuvenil gaña mais ao filial non lle alcanza

O espírito branquinegro que recobraron os de Forri en Coles despois da última derrota bastou para vencer a domicilio a un apurado UDO B (2-4), mais non alcanzou na Moreira, onde o filial repúxose na segunda metade pero non acertou a definir un par de ocasión claras ante Suso e acabou derrotado (0-2).

📷 Xosé Calleja e Pablo L. Gil.

UDO “B”, 2; ANTELA, 4. En Coles, con Lulo na portería e Lois no once, os de Forri víronse de novo abaixo e remontaron en dúas accións a balón parado antes do descanso: 1-2, con tantos de Veloso e Varo nos minutos finais. Dameá, mediada a segunda parte, puxo distancia, pero os locais anotaron rápido e con 2-3 entrouse nos vinte mnutos finais. Foi Lois no 74 quen pechou o partido. Con este triunfo, o Antela xuvenil suma 9 puntos en cinco xornadas e sitúase na sexta praza provisional, zona morna para calmar os nervios das últimas semanas. Agora, os de Forri xogarán co Rápido Pereiro e co Val Miñor C antes do descanso pola Copa.

Resultados e clasificación: AQUÍ.

A Moreira volveu lucir espléndida para o choque limiano.

Non puido o Antela B remontar o marcador tras unha discreta primeira parte e acabou cedendo a primeira derrota do curso na Moreira, que rexistrou unha boa entrada e resultou un escenario magnífico para o derbi entre os dous equipos limianos da categoría.

O Muíños saíu máis intenso, e o Antela B viuse sen balón e foi cedendo terreo a empuxós malia nova disposición defensiva que ensaiou Iván Gómez, con Borja como pivote e Jaime, Aarón, Javi Pérez e Peque por diante de Iago -cuarto porteiro que alcanza a titularidade esta tempada-. Non sufriu moito o Antela, mais a balón parado o Muíños anotou pasada a media hora despois de que Figueiredo estivese máis listo que os defensas locais.

Lesionado Aarón -a quen substituíu Raúl-, no descanso Iván Gómez cambiou o plan. Álex Teixeira entrou por Borja e o Antela botouse arriba gracias a calidade do menor dos Teixeira, que percutiu con constancia pola esquerda. Nun erro de Suso, ben presionado por Lamas, puido marcar Amine, pero o meta corrixiu rápido.

Joni e Carrasco fixéronse donos do medio campo, a defensa asentou e Raúl tomou o relevo de Álex cargando pola dereita. O Muíños pasouno mal, foi media hora de dominio total do Antela a campo aberto e cunhas cantas contras dos visitantes con moito perigo. Iago salvou o segundo e Joni regateou a Suso na área pequena mais un defensa bloqueou o seu remate a porta baleira.

A lesión de Aarón.

Co Antela animoso até o final, malia a expulsión de Álex -dúas amarelas por protestas-, o Muíños resistiu con oficio e sumou o seu primeiro triunfo da Liga. Os de Iván Gómez completan a sexta xornada con tres puntos e despois dun calendario terrorífico (Nogueira, Córgomo, Verín… tres que xa están no pelotón de cabeza). Xa saben o que vai custar sumar na nova categoría, pero tamén que teñen calidades físicas e técnicas para competir con calquera.

Agora, afrontarán partidos ante o Francelos, o Purísima e o Melias -en teoría, rivais pola permanencia- antes de recibir ao próximo aspirante ao ascenso dentro dun mes. Os que veñen non serán menos duros que estes últimos.

Resultados e clasificación: AQUÍ.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario