O Anteliña vai con todo

Hoxe xoga o filial na Moreira (17,30 horas) diante dun adversario temíbel, o Muíños. Os limianos da chaira e oslimianos do Xurés teñen obxectivos distintos na competición, pero unha cousa en común agora mesmo: ambos buscan a súa primeira vitoria do campionato despois de cinco xornadas.

O Muíños reforzouse para tratar de manter o nivel nunha Liga con moitos candidatos ao ascenso (Verín, Córgomo, Polígono, Velle e Nogueira, entre os sinalados). Ficharon a Álex Fernández (ex UDO, 37 anos), Grego (Velle) e Figueiredo (ex Antela), e seguen confiando en veteranos como Juáncar, Lamelas, Cheri, Miguel Codeso e mesmo Suso (ex Antela, 40 anos e tres partidos como titular esta tempada).

O Muíños tratará de impoñer o saber facer dos veteranos. Intimida. Mais Iván Gómez vai con todo: recupera a Felipe, David Lamas e, por fin, a Aarón. Para a portería disporá do xuvenil Iago Salgado, protagonista do ascenso, xunto a Dalama. Na dianteira, volve poder xuntar a Joni e Teixeira co nove (Lamas). Aarón tamén ofrece alternativas na defensa e no medio.

NO XUVENIL, que visita en Coles á UDO “B” (este sábado ás 16,30 horas), Forri contará con Lulo na portería. A outra novidade é a entrada de Lois por Bechiki. O resto son os habituais neste comezo de Liga, incluídos os novos: Lucas Blanco, Álvaro, Sebas, Santana e Veloso.

CONVOCATORIA DO A. Bruno Gómez deu tamén a convocatoria para o partido do primeiro equipo mañá en Tui diante do Tyde. Regresan Carlos González e Mauro Sabucedo, causa baixa Pedro e quedan fóra Andrade e Couto. Seguen na lista Outeiriño, Jorge e Antón, en busca de novas oportunidades nunha dianteira que mellora con Negrete e na que Carlos e Charli están a ofrecer un nivel moi alto.

Os xuvenís, no Bar Bando’s, antes de saír cara a Coles.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario