Bo punto do Antela en Tui diante do Tyde (2-2) na estrea de Negrete como goleador e que permite aos limianos manterse na primeira praza -agora empatados a puntos co Atios, que gañou en Celanova- e tamén ampliar a serie de seis partidos sen perder.
Todo son boas noticias no Antela, que consolida un once estable con variacións puntuais. Sen Pedro, Bruno Gómez volveu a aliñar a Negrete xunto a Charli e Carlos -recuperado-, e Cole regresou ao lateral deixando a Lois no banquiño, mentres Sabucedo recuperaba galóns no medio campo.

O Tyde esixiu ao Antela desde o principio. Os locais anotaron ao dez minutos e Carlos (cuarto gol en cinco partidos) empatou a continuación. Na segunda metade inverteuse a secuencia: Negrete cazou un balón solto na área e marcou o seu primeiro tanto oficial co Antela cando aínda non se cumprira o primeiro cuarto de hora de xogo. Despois, o Tyde empatou nun penalti que Bruno Pío adiviñou mais non chegou ao balón. Nos minutos finais, Bruno Gómez refrescou o ataque con Antón e Jorge, unha segunda unidade que empeza a coller corpo.
O Antela viuse alcanzado polo Atios, que gañou en Celanova (0-1) con oficio e algo de sorte (dous balóns ao pau dos locais), mentres o Cultural Areas, que empatou en Vilalonga (3-3) e o Cented, que superou ao Beluso (2-1), sitúanse a un punto como terceiro e cuarto clasificados. A próxima visita na Moreira será a do Pontevedra B, que hoxe mallou no Alertanavia (6-1) e xa é o equipo máis goleador da Liga.
Imaxes: Pablo L. Gil.
Resultados e clasificación: AQÚI.


