Dous retos para Bruno, un para Iván

📷 Pablo L. Gil.

A última vez que o Pontevedra B xogou na Moreira foi no comezo da tempada 2022/23 e só quedan no cadro local tres xogadores que disputaron aquel partido: Charli e Xabi Lamas (que foron titulares), e Pedro, que substituíu a Anxo Pena aos cinco minutos de entrar este no campo.

Anxo lesionouse aquel día e xa non remontou no resto da Liga. Despois de xogar algún partido co filial, deixou o fútbol por un tempo. Anxo agora volve estar mancado e non puido subir ao tren do Antela este ano despois dunha magnífica campaña no ascenso.

Anxo, do día da lesión en setembro de 2022.

O Antela chega líder. Charli, Xabi e Pedro son hoxe mellores futbolistas. Bruno Gómez parece ter collido rápido o fío da nova categoría. Van tres partidos na casa sen encaixar un gol. Na Moreira instalouse a confiranza. Mañá domingo (17,15 horas), o Antela ten dous retos: gañar para seguir poñendo distancia coa zona de descenso, e gañar para sumar unha semana máis (sería a terceira) no liderado… pode parecer un soño e o Pontevedra -un filial, que non ten máis obxectivo que formar xogadores- pode resultar un pesadelo neste contexto.

En calquera caso, este novo Antela ten moi claro o que cómpre este ano: primeiro desactivar o xogo do rival, e despois impoñer a contundencia do ataque. Co esperado regreso de Pedro, o adestrador diporá de máis variantes.

FRANCELOS – ANTELA B. O filial empeza a súa Liga cunha visita mañá (17.00 horas) ao Francelos, que saíu reforzado da trituradora no arranque con empates diante do Loñoá e o Nogueira, unha vitoria polo medio e o punto que sumou a semana pasada en Allariz despois de que se lle escapase nos dez minutos finais un partido que dominaba por 0-2.

Por resultados, parece un equipo do nivel do Antela B, pero con máis gol –ollo nesta faceta ao limiano Damián Martínez Trigo que suma 5 en seis partidos– e “menos” portería. Iván Gómez ten as baixas de Felipe e Álex Teixeira, expulsados a semana pasada.

Se o Antela de Bruno Gómez ten dous retos, mañá ao filial de Iván Gómez alcánzalle con afrontar un: repoñerse a si propio e recuperar espírito e sensacións de semanas atrás, cando parecía que ía saír indemne da trituradora.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario