O Xuvenil 3.0 toma forma

Izán (lembran?), o gran xogador da canteira limiana que o ano pasado decidiu aparcar o fútbol, estivo como espectador este sábado na Moreira. Izan representa o Antela xuvenil versión 1.0, campión de Copa, e a transformación no Antela 2.0 que alcanzou, con el lesionado media tempada, o ascenso hai só uns meses.

Hoxe presenciou a evolución cara a versión 3.0, con Anxo Calleja, un futbolista de características moi distintas ás de Izan, coa mesma clase e intelixencia para manexar os partidos desde calquera parte do campo, na media punta ou no medio centro ou na dianteira… Non importan as dimensións do escenario nin a estatura dos rivais, Anxo procesa o fútbol cunha rapidez e habilidade inusual nestas divisións.

A versión 3.0, claro, é máis que Anxo. Está Carnero, que hoxe tamén estivo por riba de compañeiros e rivais. Está Lois, un dianteiro que gosta de se asociar e dota á ofensiva dun dinamismo que non se lembraba. Están Veloso e Joga, cando aparecen, nesa liña. E sempre Fabián, co seu suplemento de pulmóns e sacrificio.

Así gañou o Antela ao Pereiró (1-0, gol de Carnero no minuto 11), impoñendo a súa calidade na primeira metade e a súa orde táctica na segunda, na que ademais contou con Carlos Pires, un dianteiro que levantou grandes expectativas no verán mais que arrastra doenzas e Forri deberá ter paciencia.

O xuvenil 3.0 empeza a mostrar máis rexistros que as versións anteriores, un cadro amplo con alternativas de nivel, con veteranos co carácter e a humildade necesarias para levar unha tempada a bo ritmo e sen agobios pola clasificación e, sobre todo, con xogadores para desenvolver un fúbtol lúcido e vistoso… o soño de Izan e de todos os que pasaron nos últimos anos pola academia da canteira, no camiño de atopar esa veta do novo fútbol limiano.

Resultados e clasificación: AQUÍ.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario