Máster class de Carrasco e cía en Francelos

Carrasco ofreceu esta tarde unha máste rclass sobre o enchoupado céspede do campo de Valboa, curto e non demasiado ancho, polo que se podía permitir colocarse como pivote e ordenar a defensa e o ataque. Con Carrasco no eixo e Joni como interior e Javi Pérez dono da banda esquerda, o Antela adaptouse mellor que o Francelos ás condicións do primeiro partido baixo a chuvia da tempada.

Iván Gómez compareceu cunha defensa moi cabal con Raúl pola dereita, Borja e Penabad no centro e Javi na esquerda, e con Amine e Jaime adiante nas bandas para ocupar ben o espazo e traballar o partido desde a ofensiva.

O Antela foi mellor nos detalles, e recuperou moitos máis balóns cun apresurado Francelos e súas foron as mellores ocasións da primeira metade. Marcou David Lamas de tiro cruzado desde a frontal tras cazar un balón que golpeara nas mans de Borja cando ía rematar un córner. A colexiada non soubo se pitar penalti por empurrón ao defensa visitante ou mans… e non pitou nada. David tivo tempo para apuntar e acertou.

Despois, antes do descanso, Pitu e Joni puideron ampliar máis distancia. O filial comportouse como un equipo ordenado e solidario, foi mellor que os locais tamén na actitude en cada disputa e na disposición de todos ao traballo.

O Francelos reaccionou no arranque da segunda parte. Someteu ao Antela, que durante dez minutos non pisou campo contrario. Dalama tivo polo menos tres intervencións de mérito neses momentos para evitar o empate. Iván Gómez estivo listo para volver ao xogo que lle permitira aos seus gobernar o choque. Deu entrada a Anxo Calleja e a Veloso, e o Antela recuperou o balón e Carrasco puido mandar outra vez: ofrecéndose sempre, calmando o xogo, cambiando o ritmo do balón segundo convén, co mapa do partido ben clariño na cabeza.

A partir do balón, o Antela reactivouse cun par de servizos en profundidade de Anxo, e a pelexa dun Veloso valente e capaz. Volveron aparecer Joni, Javi e Amine… e para cando Codes entrou dando relevo a Lamas os visitantes xa devolveran o choque ao seu rego. Codes aumentou a chispa do Antela, que se estirou e chegou e disparou con risco para Hugo, o bo meta local.

Joni rompeu a defensa nunha contra rápida, alcanzou o balón, regateou a Hugo e fixo un dos seus clásicos a porta baleira. O Francelos sabíase derrotado mais non baixou os brazos nin deixou de se emplear con dureza en cada encontro tratando de infundir o medo nos limianos. Carrasco e Joni pecharon a máster class cun exercicio de temperanza. Así se gaña nestes campos onde nenos empezan a facerse homes.

O Antela B sumou a súa primeira vitoria do curso na nova categoría e pode dar por superado o seu período de adaptación. O que vén a partir de agora é unha batalla tras outra cada fin de semana. Os de Iván Gómez xa saben como se gaña.

Resultados e clasificación: AQUÍ.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario