Negrete, Bruno Pío e a historia

Sen Pedro nin Cole, pero con Bruno Pío (que nunca falla), o espírito do fútbol limiano que excita A Moreira e un dianteiro en progresión, Negrete, o Antela de Bruno Gómez amarrou tres puntos no camiño da permanencia -o obxectivo non cambiou- subido ao liderado da Preferente na sétima xornada, para que non queden dúbidas de que este é un dos mellores Antelas que viu o Maracaná limiano en corenta e un anos.

Bruno Pío é unha bendición cada semana, e onte sostivo o equipo nos minutos críticos, cando o Pontevedra B -mesmo con dez tras unha expulsión no 67 de partido- quixo darlle á volta ao resultado. A tarde viviuse co mesmo guión que os últimos encontros en Xinzo: un Antela ambicioso desde o inicio, con Kandeh e Xabi na trincheira dos tres cuartos e un gol de Negrete pouco antes do descanso que deu sentido a tanto esforzo.

Despois continuou segundo o previsto na segunda metade: repregue e contragolpe, mais cun Pontevedra B que volveu dos vestiarios con catro cambios e nin se aturulou nin xogou con présa, mesmo con dez, buscando o punto débil da defensa e de Bruno Pío. Non o topou e, trala agonía, o cansazo equilibrou o choque.

O Antela chegará como líder (empatado a puntos co Atios) á oitava xornada, esa que o manual de Guardiola di que marca o primeiro punto de fractura dos campionatos entre os equipos que poden aspirar a gañar a Liga e os que non. Inesperadamente, o Antela, nesta altura, está no pelotón dos que aínda aspiran ao título.

O domingo en Redondela volverá a confrontar cun dos seus fantasmas en históricas desfeitas: o Choco. Como sucedeu a tempada pasada co Velle, terá un incentivo máis para gañar, o desquite. Porque no fútbol a historia dos modestos, o que queda, case sempre son feridas.

Resultados e clasificación: AQUÍ.

GALERÍA DE IMAXES

📷 Pablo L. Gil.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario