O Xuvenil. A fin de semana comeza en Nigrán cun partido para que os xuvenís coñezan de primeira man unha das mellores canteiras do fútbol galego actual, a do Val Miñor. Os locais, o Val Miñor “C”, suman o dobre de goles (18) que o Antela, mais tamén encaixaron o dobre (12) que os limianos. Cifras que anuncian un deses partidos de ida e volta que tanto incomodan ao Antela, sempre atento ao resultado final, porque o seu obxectivo é manter a categoría; e a formación, na Moreira, adquírese a base de competir con escasos recursos e aproveitando ao máximo as pingas de calidade.
[O xuvenil xoga a partir das 12,30 horas deste sábado e Forri elixiu desta volta a Iago como porteiro, e volven Carbajales e Aarón. No viaxan nin Lulo nin Carlos].
O filial. Así se vai creando ese espírito limiano, que pega ao club á terra e que explica por que o filial vai sacando xa a cabeza despois de saír ao mar bravo dunha Liga tan dura como a Primeira Futgal. Contra o Purísima [este sábado ás 16.30 na Moreira] non estarán nin Teixeira nin Felipe, que seguen sancionados, mais o Antela B non os botou a faltar o domingo pasado. Dalgunha maneira Veloso e Anxo Calleja, que entraron aos dez minutos da segunda parte, puxeron as pingas de calidade precisas para que o Antela recuperase o mando do partido. A última vez que o Purísima visitou A Moreira saíu derrotado -dous goles de Álex Teixeira-, mais ascendeu sen ter que pasar polo play-off. Agora a cousa vai de permanencia, recursos escasos (o xuvenil, por riba, xoga o mesmo día e só queda libre Lulo -titular contra o Maceda-) e gañas de competir. Por Carrasco, Joni, Javi Pérez, Pío, Xurxo, Raúl e os cada vez máis asentados Penabad e Amine, a cousa non vai quedar…
O primeiro equipo. A ese espírito limiano, a un certo ánimo de desquite, á oportunidade de se probar e lucir nun campo con pedigrí -alí, no mar de Vigo- terá que recorrer Bruno Gómez para activar a un líder, o Antela, que saíu coma un tiro no arranque da competición e busca recursos (sempre escasos) onde pode. O adeus de Andrade deixa ao técnico sen folgura no medio e atrás. Mais os limianos son polivalentes á forza. Pedro está de volta (esta vez parece que si), pero a competencia na dianteira é tremenda. Carlos suma 5 goles, Negrete anotou nos dous últimos partidos, Charli estivo a un nivel altísimo nos sete disputados. A xestión das tarxetas mellorou e a estas alturas so Kandeh está en risco de sanción.
[Onte, no último adestramento da semana, mancouse o Andrés, o porteiro suplente, que sufríu unha luxación nun ombreiro e foi trasladado en ambulancia, polo que Bruno Gómez deberá botar man dalgún dos porteiros do Xuvenil.]
Enfronte o domingo estará o Choco, cun amplo historial de malas lembranzas para o Antela: empezando pola primeira promoción que se viviu na Moreira -no ano 78- e rematando por aquel final de Liga desgraciado de hai ano e medio. O Choco non empezou ben a tempada pero non perde desde que caeu en Moaña no minuto 90. Nas catro últimas xornadas é o segundo mellor equipo da competición… por detrás do Antela. E, ollo, nese lapso anotou o dobre de goles que os limianos e encaixou tamén o dobre.

