O Antela B evita un naufraxio na Moreira

Hai partidos que se cruzan. Tardes que empezan plácidas, co equipo ben asentado sobre o prado da Moreira, con Joni na mina e Carrasco nos mandos da grúa e un rapaz que se vai crecendo co paso dos minutos porque ve pista libre para facer o que máis lle gusta: un sprint tras outro, superando a un rival, a dous, aos que fagan falta… e o Purísima deixándose ir, placidamente, como a tarde, até conceder un remate fácil a Penabad na saída dun córner, co central voando coma no gol dos seus soños, sen ninguén que o moleste cando alcanza o primeiro pau para conectar un cabezazo marcando todos os tempos e picando o balón. Inapelábel.

Naquela altura o partido xa se torcera, inda que o Antela B non o soubera. Carrasco rompeu. Saíu Pío, o ritmo mudou, Joni e Raúl empezaron a abrir o buraco pola dereita. Ocasións, gol, ocasións. O equipo entrou con boa disposición na segunda metade, mais con outro contratempo que esixiu un novo cambio: Codes por Jaime. Raúl seguía ao seu. O filial puido facer o segundo á contra e romper definitivamente o partido… Pero quen se rompeu foi Peque. A solución de urxencia foi meter a Xurxo no campo e atrasar a Raúl até o lateral. Mentres os locais intentaban recompoñerse, o Purísima cambiou de marcha. Cortada a hemorraxia pola súa banda esquerda, tomou o mando e deu en abrir o campo e chegar con perigo á área local.

Dalama, Borja e Penabad organizaron a resistencia, mentres Joni intentaba multiplicarse no medio e arriba, e Pitu e David Lamas esgotaban as últimas forzas. Quedaban moitos minutos por diante e cando o xuvenil Sabas entrou para debutar e o xuvenil Lulo, porteiro, vestiu a casaca do nove para suplir a Lamas, o Purísima viu a bandeira branca na área local e apertou máis, e máis, até dobrar a un Antela B sen fío, que afogaba.

Ao Purísima a ambición deulle para alcanzar o empate, ao Antela a vergoña serviulle para salvar un punto, que non é pouco tal e como viraron as cousas desde o doce inicio até o amargo final.

A Moreira ten estas cousas. Sempre é un aliado, mais ás veces traga aos seus propios fillos. A vitoria está carísima nesta Liga entre ourensanos, que non se impoña a ansiedade, o equipo segue crecendo pero hai tardes que se torcen.

Resultados e clasificación: AQUÍ.

GALERÍA

Fotos: Pablo L. Gil

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario