Primeira derrota do Antela

O Choco volveu ser o diaño que se cruzou no camiño dun Antela feliz e invicto que viaxou até Redondela coa ilusión do traxe novo de líder. No minuto 1: penalti e gol. Todo costa arriba.

Bruno mantivo de entrada a estrutura coa defensa habitual e Mauro Sabucedo recuperando galóns no medio campo mentres Pedro quedaba no banco e arriba xogaban o trío máis inspirado: Carlos, Charli e Negrete. Pero o segundo penalti da Liga en contra torceu o plan.

Nas áreas o Choco foi máis eficaz e no comezo da segunda metade -xa con Lois e Jorge no campo en lugar de Boán e Sabucedo-, os limianos encaixaron moi pronto o segundo. A costa arriba xa se fixo demasiado pendente. O adestrador moveu o cesto dando entrada primeiro a Pedro e despois a Antón, pero cando este levaba un minuto no campo chegou o 3-0 (minuto 73). Esta vez Bruno Pío non puido facer máis nos goles, tampouco no cuarto.

O Antela cederá o liderado se o Atios ou o Porriño suman esta tarde. Mais iso é unha anécdota. Queda roer a malleira do Choco, un diaño ao que sempre hai que temer, e recuperar a felicidade de ter chegado a estas alturas con 15 puntos no alto da clasificación. Porque a confianza ten que guiar os próximos choques do Antela: que xogará en novembro contra o Porriño, o Vilalonga, o Arnoia e o Lemos nun mes que medirá as posibilidades reais deste equipo para seguir arriba, esperto e soñando.

Resultados e clasificación: AQUÍ.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario