Superada a oitava xornada de competición, o Antela de Bruno Gómez presenta uns números excelentes e completou o mellor arranque histórico do club en Preferente (superando a aquela tempada da Copa, 2003-04, cando foi líder durante unha xornada e sumou tres vitorias, catro empates e unha derrota nos oito primeiros partidos).
O Antela xa amarrou catro vitorias e tres empates, colocándose terceiro a tres puntos do liderado. Antes de que o Porriño visite A Moreira este domingo (16.30 horas), paga a pena valorar o botín.
A respecto das últimas experiencias en Preferente (con Ángel Mociño no 2007, Moisés Pereiro no 2017, e Óscar Sabucedo no 2022 e 2023), o Antela de Bruno Gómez comezou con máis ímpeto sostido por un once conformado basicamente por xogadores que xa estaban a tempada anterior.
Así, no primeiro equipo titular as novidades foron Pucho, Peruzzo, Kandeh e Charli (este, na súa terceira etapa no club). No debut na Moreira apareceron no once Couto e Negrete. Contra o Beluso, terceira xornada, estreouse Mauro. En Celanova, xogaron desde o inicio Pucho, Peruzzo, Mauro e Charli…
A continuidade de Pío, Boán, Pedro, Tiago, Cole, Xabi Lamas ou Carlos González ten sido unha das fortaleza do equipo. Outra, un plan claro de como xogar. E aquí o cambio foi notábel porque de ser un conxunto dominador (a tempada pasada o obxectivo era o campionato), o Antela mudou o obxectivo e adaptouse á categoría cun xogo máis inclinado ás transicións.
Moi firme atrás, o Antela encaixou 7 goles (a metade o pasado domingo), fronte aos 18 e 21 nos dous anos con Sabucedo, os 18 con Pereiro e os 16 con Mociño. Só hai tres equipos na Preferente (un no grupo 2, o Atios) con mellores números neste apartado que os limianos.
COMPARATIVA DAS OITO PRIMEIRAS XORNADAS
| Tempada/ xornada | 2007/08 | 2018/19 | 2022/23 | 2023/24 | 2025/26 |
| 1ª | ESTRADENSE 0-0 | PONTEAREAS 3-3 | PONTEVEDRA 0-2 | VILALONGA 1-3 | Alertanavia 0-0 |
| 2ª | Choco 2-0 | Estradense 2-1 | Ridadumia 4-1 | Ribadumia 6-0 | ATIOS 0-0 |
| 3ª | RIBADUMIA 2-3 | VILALONGA 0-0 | AREAS 2-1 | AREAS 1-2 | BELUSO 3-0 |
| 4ª | Arenteiro 2-0 | Sanxenxo 6-0 | Céltiga 3-1 | Atios 1-0 | Celanova 1-2 |
| 5ª | PORRIÑO 2-4 | MOAÑA 3-3 | UMIA 0-2 | VALADARES 2-2 | CENTED 1-0 |
| 6ª | Caselas 3-0 | Grove 1-0 | BELUSO 4-2 | Arnoia 1-3 | Tyde 2-2 |
| 7ª | PONTE OU 0-0 | Barbadás 1-1 | Atios 4-0 | CÉLTIGA 1-4 | PONTEVEDRA 1-0 |
| 8ª | Moaña 2-2 | VELLE 1-2 | VALADARES 0-2 | Moaña 1-1 | Choco 4-0 |
Balance Posición | 0/3/5 20º, último | 0/4/4 20º, último | 3/0/5 16º | 1/2/5 15º | 4/3/1 3º |
Na faceta ofensiva, o Antela 2007 con Mociño á fronte anotou seis goles mais quedou a cero en cinco dos oito primeiros partidos. Con Pereiro no 2017, o equipo sumou 9 goles e non marcou en tres choques. No primeiro ano de Sabucedo (2022) foron 9 goles a favor e tres os partidos sen anotar. No segundo ano (2023), o balance foi de 9 tantos e só dúas xornadas sen goles.

Nos oito primeiros partidos da tempada actual o Antela sumou 9 goles –é dicir, a mesma cifra que nos arranques con Pereiro e Sabucedo– e quedou sen marcar en tres partidos.
Hai outro dato notábel e que adoita a marcar a diferencia entre os equipos que están arriba e os que están abaixo. Na casa o Antela disputou catro partidos e só cedeu un empate (contra o Atios, actual líder). Nos arranques das catro tempadas precedentes só se gañaran dous partidos na Moreira: os dous o primeiro ano de Sabucedo, cando o equipo marchaba 16º nesta altura e acabou a Liga 8º.
(Na imaxe que ilustra esta información, de La Región, Pedro Castro leva o balón diante dun rival no choque contra o Areas en setembro de 2023: 1-2).
