O Antela chega a novembro nunha situación cómoda na Liga e máis relaxado que hai un ano, cando o día primeiro afrontou a eliminatoria de Copa diante do Barco. Hai un ano o Antela esixíase o campionato para recuperar a praza en Preferente. Cada pequeno tropezo vivíase con certa angustia. Agora non. A derrota en Redondela (4-0) supuxo un freo, mais non unha catástrofe. O equipo está enteiro, e quere seguir crecendo ao redor dunha idea de xogo que o colocou arriba moi rápido.
Nos últimos tres partidos faltou Pedro no once, e diante do Choco tamén acusou a ausencia de Charli, que o técnico compensou coa introdución dun centrocampista (o día do Cented funcionou con Cole). Pero no descanso corrixiu: Jorge entrou por Mauro e Pedro apareceu inmediatamente despois do 2-0. Non alcanzou.
Enfronte mañá estará o Porriño, un rival ao que Antela lle tomou a medida nos dous últimos anos en Preferente (tres empates e unha vitoria limiana na época de Sabucedo). Mais os triunfos na categoría son caros. Hai dous anos, despois dunha hora de tremendo sufrimento e sometido por completo ao adversario, o Antela conseguiu gañar na Moreira cun par de golpes de inspiración de Sidibé e Joni.
O Porriño vén de perder na casa co Alertanavia (0-1), o que pon en evidencia que esta Liga empezou con moita igualdade e inda non rachou nin por arriba nin por abaixo. A Moreira, en novembro, coas visitas primeiro do Porriño e despois do Arnoia (ambos agora a 2 puntos do Antela) e co peche o día 30 contra o Valadares será clave para determinar a que grupo se amarran os limianos.
O FILIAL, EN MELIAS
O Antela B xogará mañá en Melias, un equipo que inda non gañou e que recibe 3 goles por partido de media. Mais ollo: o Velle e o Nogueira venceron na Abelleira con tantos moi ao final. O Melias é un óso como local, pero a traxectoria de ambos equipos suxire que os limianos están un corpo por riba.
Necesita o filial volver a gañar para sacudirse o mal corpo da segunda parte na casa contra o Purísima. A lesión de Carrasco e a posibilidade de volver a contar con Felipe e Teixeira despois de dúas xornadas sancionados poderían determinar cambios no once. Ademais, en xornada de descanso do xuvenil, Iván Gómez podería recorrer a algún futbolista da canteira. Nas oito primeiras xornadas utilizou a Iago e Lulo (porteiros), Lucas Carnero, Calleja, Fabián, Veloso e Sebas.
Fotografía: Pablo L. Gil / @AntelaFC

