Xabi Lamas xogou a pracer diante do Porriño, participou nas catro xogadas de gol e demostrou que é un futbolista maduro, dos que gozan dunha visión periférica (saben o que pasa as súas costas e deciden o que vai pasar cara adiante) e teñen forza e toque para gobernar un equipo que defende e ataca a un ritmo frenético, insoportábel para un Porriño menor, que apañou catro como puido ter apañado máis nun partido que confirmou a varios xogadores alén de Xabi, entre eles dous veteranos que son agora mesmo o termómetro do Antela: Pedro e Charli.
Charli e Pedro anotaron dous tantos cada un, ben auxiliados por un Carlos enorme arrancando desde a esquerda e Negrete, o dianteiro que máis impacto ten causado no Antela nos últimos anos.
Negrete mellora todo o que toca, pausa o xogo, desborda, levanta a cabeza, pasa, e agora ademais loita ao ritmo que impón Pedro. Os primeiros minutos do Antela na Moreira, xa se sabe, son moi intensos. Hoxe bastaron dez para tombar a un Porriño que se venceu aos primeiros golpes dos lobos nos tres cuartos. Charli rematou os dous primeiros tantos case sen oposición. Cando o Porriño entrou no partido, levaba tres enriba.
O Porriño sobreviviu á primeira parte porque o seu nove corpeou con Lois, sacou vantaxe e superou a Bruno cun disparo raso. Bruno Pío evitou despois danos maiores. O Antela levantou o pé nos minutos finais antes do descanso e puido pagalo moi caro.
O mesmo aconteceu no inicio da segunda metade. Bruno Pío evitou o segundo dos visitantes e, na xogada seguinte, Pedro marcou o 4-1 recollendo un rebote no pau a chut de Xabi, clarividente até no remate. Nese minuto, o 46 de partido, acabou o choque.
O resto foi un Porriño impotente petando cunha defensa moi sólida do Antela na que estivo especialmente ben Tiago Teixeira -quizá axitado polo recordo de hai dous anos, cando sufriu durante máis dunha hora a avalancha dos pontevedreses-. Nas rotacións, hoxe con menos minutos que outras tardes, sobresaíu Raúl Dinís, que perforou a debilitada defensa visitante e mereceu facer o quinto.
Pode estar en discusión se a Preferente ten máis ou menos nivel que nos últimos anos, mais o que parece evidente é que o Antela deu un salto cualitativo, con futbolistas como Peruzzo e Negrete, co crecemento de Tiago, Cole ou Carlos, entre outros, coa táctica de partido de Bruno Gómez, cun club cada vez máis convencido das virtudes da canteira que vén de sinalar outro referente: Xabi Lamas, unha intelixencia tranquila ao servizo do xogo.
Resultados e clasificación: AQUÍ.
GALERÍA





