VILALONGA – ANTELA, domingo 9 ás 17.00 horas en Vilalonga.
Viaxa o Antela a Vilalonga sen Kandeh -que deixou o club- e sen algún mancado mais, pero coa incorporación de Aragón, dianteiro poderoso desde o nome e o aspecto físico, que aumenta a competencia na dianteira mentres o mediocampo segue xustiño de efectivos, polo que quizais Bruno Gómez empece a experimentar coa polivalencia dalgún dos puntas.
Viaxa o Antela terceiro, moi seguro de si propio, coa esperanza de se converter en candidato e coa Moreira baixo os coidados invernais para que siga sendo un castelo a semana próxima contra un Arnoia que volve meter medo. Viaxa a un campo que hai uns meses era de Terceira para se medir a un rival que ao comezo da Liga metía medo, pero xa non tanto…
O Vilalonga empezou mal: tres derrotas nos catro primeiros partidos. E non foi capaz de gañar na casa até hai quince días (1-0 ao Portonovo). Mais na clasificación está empatado co Choco, e xa se viu en Redondela que, a pouco que se torzan as cousas, o Antela tamén pode apañar goleadas. O Vilalonga conta con dous puntas experimentados: Iván Capelo e Héctor Méndez, con catro tantos xa cada un.
ANTELA B – POLÍGONO, domingo 9, ás 12,00 horas no Fernández Carrera (Xinzo).
No filial, Iván Gómez tratará de poñer fin ao desorde que se xerou a partir da lesión de Carrasco na primeira parte do choque co Purísima hai dúas semanas. O Antela B non recuperou o ton desde aquela. E recibe a un Polígono que vén exactamente da mesma serie de infortunios: só gañou un dos últimos cinco partidos e empatou outro.
O Polígono aproveita os goles de Pato e os minutos de Choupas, Villa, Siño e Atiza, mais segue lonxe do rendemento da pasada campaña. Xa sabe que este ano non loitará polo ascenso e quere evitar males maiores: está a dous puntos do descenso, a dous do Antela B. Así que a esperanza dos limianos está ao alcance da man, cunha vitoria superarían ao Polígono e sairían da zona vermella.
Lesionados Dalama e Andrés, Iago ou Xaco defenderán a portería do filial, e Iván Gómez recorre a outros cinco xuvenís, entre os que aparece por vez primeira Carlos Pires. Faltan dianteiros e o técnico precisa recuperar a Joni para posicións máis avanzadas. O capitán, xunto a Javi Pérez e Borja Rubén, leva o peso do equipo á espera de que Raúl confirme as boas sensacións de outubro e Penabad e Amine empecen a se asentar na nova categoría. A afección mantén a paciencia e a confianza no equipo.
