Que sería o fútbol sen as arroutadas dos equipos que se resisten diante do destino que se di escrito?
Xogadores que se sacoden o medo, os nervios, a angustia de se ver no fondo, derrotados, que senten que o alento da afección apágase, que o día é gris escuro e que non hai maneira, que os medos, a humillación pesan cada vez máis e as pernas e a cabeza que non alcanzan, que o Polígono é outro Muíños, outro Maceda que lles ha pasar por riba, que esta Liga, tan bonita de xogar antes de empezar para un filial, elegante, pulcro, lúcido, se converte nunha tortura…
Mais no Antela xoga Joni, o capitán-pantalla, tótem, espírito limiano curtido no vento e na choiva que barren a chaira, no traballo, na terra, no fútbol sen horizonte, o fútbol en cada balón, en cada carreira, na loita, na esperanza, a constancia. E con Joni xoga Javi Pérez, que ten peito para correr arriba e abaixo, cortar, pasar, fallar, volver a cortar, correr… E xoga Borja Rubén, que se culpa do gol que encaixa o equipo, mais non desespera e amarra a Pato, e mete a fronte en cada balón… E xoga Penabad, que loita até rebentar. E xoga Fabián, con cabeza e sen medo.
O Polígono golpea dúas veces antes do descanso. O Antela estírase tras o primeiro gol e mételle velocidade e profundidade. Chega, mais apenas remata. Choca e perde o medio campo, e entra no partido que quere o Polígono, unha división acoirazada, sen moita gasolina pero que se fai dono do campo (pequeno).

Iván Gómez move o cesto na dianteira. Mais a cousa non mellora porque os nervios, a derrota, o medo, esas cousas que atascan o xogo… O filial parece condenado. E entón os tanques empezan a retroceder, o Polígono desaparece en ataque, o partido só ten unha dirección, entran Pitu e Dameá para axitar a ofensiva. Joni mete unha marcha máis, responden Javi, Xurxo, Lamas… o Antela B desátase, sen moito orde, pero con fe.
A fe de Pitu no primeiro gol, que entra como un puñal na área e non o frea ninguén para acabar marcando de cabeza. Faltan dez minutos máis o desconto. O Polígono cava unha trincheira ao borde da área. E entérrase. O Antela chega máis que nunca, remata Joni, remata Penabad, hai un córner, faltas, outro córner. A trincheira está xa sobre a liña de gol. E aparece Javi Pérez coa caña (*). Empate por derrubo, como no rugbi cando un equipo empurra a melé até a zona de marca…
O destino non estaba escrito. Este Antela ten moita vida, e fútbol, e convicción, e moita canteira por detrás, empurrando. Os rapaces están facendo un doutorando en Primeira contra equipos como o Polígono, o Nogueira, o Monterrei e o Velle que virán pronto… unha Liga bonita, si, para picar pedra, zoupar contra torres, derrubalas. A pola seguinte batalla (sen se mancar).
Resultados e clasificación: AQUÍ.
(*) Na primeira versión o gol atribuíuselle a David Lamas por erro noso. A acta reflicte que foi Javi Pérez.