LEMOS – ANTELA, o domingo ás 5 da tarde en Monforte.
Once goles en once partidos levaba o dianteiro arxentino do Lemos, Rodolfo Periale, Fito, que chegou procedente do Rácing Vilalbés de Terceira e ten experiencia dabondo na Preferente onde anotou 45 goles co Castro en dúas tempadas. Fito lesionouse o domingo xusto despois de anotar un dos goles da vitoria do Lemos en Coia. Foi substituído e non xogará contra o Antela.
O Lemos ten máis co que ameazar ao Antela. Está o substituto de Fito, o poderoso costamarfileño Yann; están o extremos Brais Pardo -exBarbadás- e Yunnis (dous goles cada un este curso), e o ‘dez’, o mofortino Adrián, con pasado no Barco e na Sarriana en Terceira.
O Lemos é un club de Terceira ocasionalmente en Preferente que a pasada campaña sufriu até o último partido para manter a categoría. Agora, encadrado no grupo sur e reforzado no tronco con Emmanuel (central), Iñaki (mediocampista) e os citados Fito e Brais Pardo, o club asume o reto do ascenso.
O equipo de Edu Rodríguez -un adestrador da casa, mozo e cun paso exitoso pola Sarriana- aínda non perdeu e conta ademais cun campo de amplas dimensións, de características similares ao da Moreira. O domingo prevese frío, mais Monforte fica preto de Xinzo e a afección do Antela desprazarase nunha visita que xa fixeron os xuvenís no primeiro partido da Liga.
ANTELA B – CD. BROLLÓN, o domingo ás 12.15 da mañá en Xinzo.
O domingo haberá tamén rival lucense para o filial no seu partido de Primeira Futgal: o Brollón, que chega a Xinzo despois dunha serie de dous empates e dúas vitorias (oito puntos); no mesmo lapso que o Antela sumou tres empates e unha derrota (tres puntos). O Brollón vén ademais de empatar nos campos do Velle (2-2), Loñoá (0-0) e Nogueira (1-1).
Será un rival de coidado para os locais, e traerá xente á Limia malia hora do choque. O club lucense activou este ano unha campaña, “Bancada Feminina”, en colaboración co departamento de Igualdade do concello e co financiamento do Pacto de Estado.
No deportivo, o filial rescatou a Izan, a primeira incorporación de Juan Forri tras substituír a Iván Gómez hai unha semana. Está por ver en que situación quedan Felipe e Álex Teixeira, que non volveron xogar tras as expulsións que lles custaron dous partidos de sanción no choque co Muíños hai máis dun mes, e a evolución dos lesionados Carrasco, Raúl e Dalama. Todo apunta a que o xuvenil, como viña acontecendo, seguirá provendo ao filial.
ANTELA XUVENIL – BARBADÁS, o sábado ás 12.00 da mañá en Xinzo.
O Antela e o Barbadás volven a se cruzar na competición por obxectivos similares. Ambos intentan sosterse nese pelotón de cabeza que persegue ao intratábel Cented, que inflixiu unha severa derrota ao Barbadás nos Carrís a semana pasada (0-4). Aínda así, os azuis chegan con tres puntos de vantaxe sobre os limianos e moi próximos ás prazas de promoción. No Antela, o partido suporá a estrea de Nico Peruzzo á fronte do equipo (o sábado pasado viu o xogo en Valadares desde a grada).
