Ω O Antela gaña o dereito a soñar

ANTELA, 3; VALADARES, 0. Comentario: O Antela cre. A Moreira tenlle fe. Aparece Antón e suma: asiste a balón parado. Aparece Jorge e suma: asistencia de nove para outro gol excelente de Negrete. O equipo medra con cada aposta de Bruno Gómez e na Moreira non falla. Aparecen Boán e Mauro Sabucedo e suman. Superado o primeiro terzo da Liga -ese punto no que xa se configuraron os diferentes pelotóns da Liga- o Antela aspira a todo. Nunca en tempos recentes o equipo pareceu tan sólido na Preferente nin A Moreira un castelo tan impoñente. O Antela mereceu o gol antes, mais topouno nunha xogada da que non estaba a tirar moito rédito esta tempada, o córner, e nun minuto crítico, o 43 da primeira metade. Co partido de cara, á volta do descanso e noutro córner sentenciou a vitoria. Despois chegou o gol de Negrete, que se está a converter nun gozoso costume. Pode que a diferencia a respecto de campañas anteriores estea nas botas que calzan pés de moita calidade: Carlos e Charly, Jorge e Negrete, Antón e Outeiriño. É seguro que nas bodegas deste Antela hai moita pólvora, e canto menos chove, mellor funciona. O durísimo mes de novembro saldouse con dúas vitorias e un empate sufrido en casa e dúas derrotas fóra (máis en Monforte o equipo competiu como se fose A Moreira). Menos puntos sumados que cedidos, pero despois da calzada de pedras, dos muros, cando os máis fortes tiran e tiran en cabeza para desfacer o pelotón, o Antela segue enganchado ao grupo dos que loitarán polo ascenso directo e a promoción. Podemos soñar.

Ficha técnica: AQUÍ.

O filial volve perder pola mínima

MONTERREI, 1; ANTELA B, 1. Comentario: O filial perdeu en Monterrei e volveu rematar un partido sen marcar. O equipo, de man de Juan Forri desde hai tres xornadas, volve estar en construción. Desta volta, Pitu, Pío e Xurxo comezaron no banquiño, igual que Raúl; mentres Belucho -de regreso tras deixar o fútbol, coma Izan- foi titular. O Antela B resistiu case unha hora ao Monterrei, e tras o tanto local Forri fixo 5 cambios en 9 minutos. Ingresaron Pitu, Pío, Xurxo, Raúl e David Lamas con case media hora por diante. O Antela parece ter controlado o número de goles que recibe (onte de novo con Borja no once); porén, o ataque segue sen producir: apenas 9 goles en 13 partidos, o que menos marca nesta Liga. Os próximo rival será o Velle na Moreira.

Ficha técnica: AQUÍ.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario