Viaxa o Antela a Moaña na procura da súa segunda vitoria da Liga fóra da casa -non gaña fóra desde o 1-2 en Celanova a finais de setembro- e dun resultado que o consolide no grupo de cabeza antes de recibir ao Cultural Areas nun deses partidos que medirán as ambicións do club. Antes de xogar co Areas hai que pasar por Moaña, onde gañaron o Vilalonga, o Portonovo, o Areas e empatou o Lemos.
Bruno Gómez inclúe na convocatoria a Iago, Lucas Carnero e Joga, tres xuvenís. Seguen de baixa Andrés, Lois, Tiago e Couto. Tampouco viaxa o colombiano Aragón, por motivos persoais.
O Moaña vai penúltimo e leva nove partidos sen vencer, dous meses: non gaña desde o 28 de setembro. Dous defensas, Javier Domingo (4 goles) e Lucas, figuran como os seus máximos anotadores. Na casa, contra o Areas e contra o Portonovo perdeu nos últimos minutos dous partidos que empezou gañando. O Umia, o pechacancelas, tamén lle empatou o xogo nos minutos finais. Novembro foi un mes malo para o Moaña: 1 punto (ese en casa do Umia) en 5 partidos.
O Antela chega a decembro pleno de confianza. A que dá Negrete, e canda el unha dianteira poderosa desde os goleadores titulares (Carlos, Charly e Pedro) até os que empezan a asomar (Dinís, Jorge, Antón…). Con Mauro Sabucedo asentándose como recurso defensivo e cun trío de centrais que se vai apañando entre lesións e sancións para manter o tipo, os limianos xogan a equipo gañador.
Mais como visitantes non suman desde o empate en Tui. Despois apañaron catro goles en Redondela, tres en Vilalaonga e caeron pola mínima en Monforte. Esa debilidade fóra da casa fíxoos retroceder posicións na clasificación. Para seguir arriba, os limianos precisan pescar puntos en Moaña, campo que parecer propicio.
CONTRA O VELLE SEN JONI NIN CARRASCO
O filial recibe ao Velle, cuarto clasificado, nun momento crítico. Na convocatoria para o choque de mañá domingo -12,00 no Fernández Carrera- non aparecen Joni (sancionado) nin David Lamas (máximo goleador) nin Pitu nin Carrasco.
Juan Forri reúne por vez primeira a Izan e Belucho, os dous xogadores que o acompañaron na súa chegada ao Antela B. Tamén contará co mellor do xuvenil (Calleja, Fabián, Dameá, Varo; alén de Lulo, un habitual) aproveitando o descanso na Liga da categoría.
Con estes vimbios o filial fará fronte a un Velle que chega dun mes de novembro complicado (dúas derrotas ante rivais directos: Loñoá e Nogueira; e un empate na casa, conquistado no desconto, contra o Allariz). O Velle preséntase como o segundo equipo máis goleador do campionato (26 tantos).
AS CONVOCATORIAS


