Até 37 xogadores utilizou o filial en 14 partidos

Despois de 14 xornadas de Liga e dous adestradores, Iván Gómez (10 partidos) e Juan Forri (4 partidos), o Antela B ten utilizado 37 xogadores. Destes, 14 foron xuvenís. Dos 23 en idade sénior, Melguizo apenas tivo dez minutos nun partido; Germain xogou 74 minutos repartidos en dúas xornadas; e Andrés, o porteiro hoxe lesionado, tan só xogou un encontro.

Izan e Belucho, que se incorporaron despois do cambio de adestrador, suman 3 e 2 titularidades respectivamente. Mentres, entre os fixos da etapa anterior, Borja Rubén e David Lamas perderon protagonismo.

Javi Pérez (14 titularidades e 1.187 minutos) e Joni (13, e 1170 minutos) mantéñense como os piares do equipo. Tamén Borja, que non faltou en ningunha convocatoria e supera os mil minutos (1.013) mais non foi titular con Forri.

A continuación sitúanse Penabad (853 minutos), que empezara a emerxer xa con Iván Gómez, David Lamas (734 minutos e 3 goles), o indiscutíbel Carrasco (708 minutos), lastrado polas lesións, e Raúl (8 titularidades, 687 minutos), que tamén sufriu problemas físicos.

Por riba dos 600 minutos están Pío -titular no final da Liga do ascenso con Iván Gómez, mais este ano con menos protagonismo-, Pitu, Peque -entre o A e o B- e Xurxo. Amine roza esa cifra. No seu primeiro ano na categoría, estaba gañando galóns e minutos con Gómez despois de ser utilizado como lateral, interior e mesmo extremo.

Esta ducia de futbolistas formaban a base do equipo até a chegada de Izan e Belucho. Facíano con cambios na portería: Dalama (6 partidos até a súa lesión), Lulo (5 titularidades agora), Iago e Andrés.

Da man de Forri apareceu ademais David Rivero, central dos xuvenís e titular nas tres xornadas seguintes ao relevo no banquiño. E gañou presenza Aarón (351 minutos), mentres Jaime (382 minutos) vía rebaixada a súa.

Até aquí a relación suma 21 futbolistas. Dous máis tiveron o seu momento no arranque da tempada: Felipe e Álex Teixeira, que tras as súas expulsións no choque contra o Muíños non volveron aparecer nun once.

MUTACIÓN

Agora está por ver que rol asumen na etapa Forri xogadores do xuvenil como Anxo Calleja, Fabián e Veloso -xa utilizados por Iván Gómez- e mesmo Lucas Blanco. Alén do táctico, o equipo sufriu unha mutación en canto a nomes. Do último ‘once’ de Gómez (o 2-2 contra o Polígono, sen Carrasco e Raúl, mancados, e tres xuvenís como titulares) ao ‘once’ de Forri o domingo (0-3 co Velle, con Raúl recuperado, e dous xuvenís como titulares) só se repetiron tres nomes: Javi, Penabad e Fabián.

A inestabilidade preside a marcha do Antela B. Do cadro de xogadores de inicio de tempada, cando menos estes cinco deixaron de contar (por motivos diversos): Andrés, Germain, Melguizo, Álex e Felipe. E, canda a Forri, entraron na rolda Izan e Belucho (dúas fichaxes) e promocionaron a titulares desde o xuvenil David Rivero e Lucas Blanco. Xogo e resultados seguen en discusión.

O filial está en situación delicada na clasificación. Así estaba máis ou menos en febreiro pasado cando se produciu a renuncia no banquiño de Marcos Ruído. Daquela, se cabe, con menos marxe para cumprir obxectivos. Agora, con 20 partidos por diante (60 puntos en disputa) o filial precisa sumar 7 ou 8 vitorias e uns cantos empates para alcanzar no final de Liga unha cifra ao redor dos 35 puntos (hoxe suma 9) que nas últimas campañas foi suficiente para conquistar a permanencia na categoría.

Imaxe de portada: Adestramento o domingo antes do partido co Velle. @Xose Calleja.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario