Constela, co dorsal número 15, entra na convocatoria de Bruno Gómez para o partido deste domingo (16.30 horas na Moreira) contra o Cultural Areas. Na lista tamén aparecen os centrocampistas do xuvenil Santana e Calleja, ademais do habitual Iago Salgado. O Antela busca o seu 19º triunfo na Moreira neste 2025. Non perdeu en Xinzo en partido oficial en todo o ano. En realidade, non perde en Liga desde o encontro co Choco na última xornada da 2023/24, o partido que supuxo o descenso. En Primeira Futgal gañou 13 partidos e cedeu 4 empates (ademais do empate na Copa co Barco). Dezaoito partidos da tempada anterior, e 7 da actual (cinco vitorias e dous empates) dan a bonita cifra de 25. O ramo sería pechar o 2025 invicto… mellor cun triunfo. Porque os récords non contan para a Liga. E o Cultural Areas está a tiro (2 puntos arriba) dunha dianteira poderosa -mesmo sen Aragón, que segue fóra-.
O Cultural vén de gañar na casa ao Umia (4-1) e ao Alertanavia (2-1) e de perder nas visitas ao Atios (3-0) Portonovo (2-0). Na Moreira, por números, o Antela parte como favorito. O botín é demasiado espléndido (un récord, unha praza entre os de cabeza, ter conquistado xa dous terzos do obxectivo…) como para que Gómez e os seus non volvan saír coma os lobos que acostuman na Moreira.
Moitas altas e moitas baixas no filial
Germain, Melguizo e Álex Teixeira volven á convocatoria. Carrasco entra de novo, con opcións de xogar. Son baixa Joni, Pitu, David Lamas e Izan. Tamén Peque (convocado polo A). Dos xuvenís, esta semana Forri volve contar con Varo e entra Sebas. Viaxa un só porteiro, Diego Lulo.
O Antela B é antepenúltimo (16º) a dous puntos do 15º, que marca a permanencia. Con Forri leva un empate e tres derrotas e inda non marcou. O Peroxa é octavo, en zona morna. Suma 25 goles mais non gañou os dous últimos choques na casa (ante o Loñoá e o Nogueira). Mantén o ritmo dos de cabeza con catro vitorias como visitante (só o Verín leva máis). O partido xógase ás 16.00 horas no Marco.
