
O Antela avanzou onte en Facebook a fichaxe de Pablo Rodríguez Constela (1 de xaneiro de 2002), defensa procedente do Polígono e formado na canteira do Barbadás. Constela xogou a tempada anterior 32 partidos co Polígono (máis de 2.500 minutos) e este ano levaba disputados 14 xogos (máis de 1.200 minutos), sempre como titular.
Constela chega despois de que o club anunciase o mércores que a lesión de Lois Espino en ambos meniscos da perna dereita, pendente de operación, deixará ao defensa fóra dos terreos de xogo o que queda de tempada. Na mesma información o club daba tamén por descartados para esta Liga ao meta Andrés e ao xuvenil Lois Farruco. E sinalaba ademais que segue esperando pola recuperación de Óliver, gravemente lesionado en abril.