Sic transit gloria mundi (…a gozala!)

Foron dous puntos, dous empates, dous goles que non alcanzaron para gañar, mais que teñen un significado especial polas circunstancias nas que se produciron. O de Joni, o máis importante, no momento máis delicado do filial nesta tempada, cando acababa de saír do vestiario do Marco en desvantaxe e co risco de sufrir a cuarta derrota consecutiva. O capitán eterno apareceu de novo, e o Antela B conquistou un empate grazas ao primeiro gol en catro partidos e medio. O filial non se afundiu e gaña unha semana de crédito, a que falta para pechar o ano contra o Loñoá. O 2025 do Antela B será lembrado como un tobogán: da crise ao ceo, e do ceo ás portas dun inferno que seguirá sendo ameaza. Hai equipo para se manter entre os mellores da categoría provincial. E non faltará traballo.

O outro gol, o de Outeiriño, cheo de fe, unha explosión cando morría un partido que o Antela non merecía perder, un récord que A Moreira traballou durante 26 xogos, a maioría brillantes, con goles espléndidos como o de Outeiriño esta tarde, xa entrou na Historia do club. O 2025 do Antela será o ano dos 26 partidos invicto, do ascenso exprés antes de que se cumprira precisamente un ano daquela última derrota ante o Choco que nos devolveu a Primeira, será o ano do liderado durante unhas poucas xornadas na Preferente (outro fito), será un ano de bo fútbol e bos futbolistas. Foi un gran ano que o club nunca esquecerá e quen o viviron desde dentro, correndo polo prado da Moreira, suando, loitando, levarán sempre con eles. Foi o ano no que Breixo e Joni deron o relevo a Xabi e Cole (e o ano que Pedro non quixo colgar as botas e volveu liderar a tribo limiana coma quen pelexa no Esquecemento contra a inevitábel derrota escrita no tempo). Sic transit gloria mundi (*), que diría un romano. No 2025 fomos felices ao redor dun balón e dos nosos lobos branquinegros na Moreira, no sintético e onde cadrou.

ANTELA, 1; CULTURAL AREAS, 1.
A PEROXA, 1; ANTELA B, 1.

GALERÍA. ImaxeS: Xosé Calleja.

(*) Así pasa a gloria do mundo, ou A gloria do mundo é efémera.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario