ANTELA XUVENIL, 4; GONDOMAR, 0. Comentario: Xurxo Santana dirixiu esta tarde no Fernández Carrera ao xuvenil, que pechou o ano cunha goleada diante do Gondomar (4-0) para sumar 22 puntos e 22 goles a favor nos trece partidos de Liga. O once levaba a sinatura de Juan Forri, quen cedeu os mandos ao home que leva dúas campañas sendo a súa man dereita cun equipo ben recoñecíbel: Iago, Veloso, Sebas, David, Carnero, Blanco, Miguel Santana, Fabián, Anxo, Joga e Varo. Á media hora xa tiña o partido no peto cos tres goles, obra de Santana, Varo e Anxo. Tralo descanso, Xurxo empezou a dar entrada á segunda unidade (Xaco, Prol, Carba, Feijoo e Dameá) para pechar a tarde cun gol máis, de Prol, xa no desconto. A falta de dúas xornadas para o remate da primeira volta, que se disputarán xa en xaneiro -en Bouzas o día 10, e co fortisimo Coruxo “B”, o 17 en Xinzo-, o Antela marcha a 9 puntos do Cented, o líder, e a 5 do Coruxo, segundo e en zona de play-off. Todo moi aberto para unha segunda volta cun Antela co cesto xa construído e novos ventos no banquiño. Imaxe: Xosé Calleja.