Tiago Teixeira regresa á convocatoria do Antela para o partido de mañá (17,00 horas) en Barrantes diante do Umia. Tamén entra na lista Carlos Hernández -na imaxe-, a última fichaxe de Bruno Gómez, un centrocampista de 22 anos con experiencia en Terceira (grupo 16: A Rioxa) e que pasou polas canteiras do Avilés e do Numancia. O adestrador xa advertía o mércores sobre a necesidade de reforzos no mediocampo despois da chegada de Constela desde o Polígono para compensar as baixas en defensa (Lois, Couto e Peque). Así, o grupo que viaxe até Ribadumia estará formado por dous porteiros: Bruno Pío e Iago; os defensas Cole, Boán, Pucho, Tiago e Constela; os medios Peruzzo, Xabi, Sabucedo, Hernández e Pedro Castro; e os dianteiros Negrete, Carlos, Charli -con molestias durante a semana-, Outeiriño, Dinís e Jorge.
O Antela é favorito na visita ao campo do último clasificado. O Umia gañou o seu único partido a finais de setembro na visita do Tyde. Na casa cedeu tres empates e tres derrotas. É o equipo menos goleador da Liga e o segundo que máis encaixa. Fóra non sumou. O Antela está obrigado a ser ambicioso.
Onte disputáronse dous partidos adiantados á decimosexta xornada: o Vilalonga e o Choco empataron sen goles, e o Vilalonga venceu ao Cented (3-1).
