Grandes momentos do 2025: 1º A vitoria en Velle (o partido-trampolín)

Naquela crónica do xogo do 16 de febreiro, domingo oleiro, contabamos:

“Hai partidos-trampolín, un atallo que dispara o tempo, partidos-salto que no mesmo movemento exorcizan o pasado, adeus Velle, e anuncian o porvir. Un equipo que muta nun día, da mañá gris á tarde brillante, que esperta sen Breixo, Xabi, Óliver e Jorginho, e medra con Pedro, Outeiriño, Lois, Anxo… e Antón, un futbolista singular, xenio á medida do Antela.

En realidade, o equipo estaba mudando de roupa pola semana. Emitía sinais estraños, un mal partido de adestramento o xoves, tensión, incomodidade… Sen Breixo, Óliver e Jorginho, futbolistas ortodoxos que viñan sostendo o equipo, o Monte da Aira parecía unha montaña infranqueábel, un castelo. O Antela, convulso, miraba ao pasado. E non vía -non podía ver- o que había detrás do castelo.

A Bruno Gómez non lle quedaba outra que remover o once. Foi intelixente nas eleccións máis delicadas e apostou polos ortodoxos: Lois apareceu como central e Anxo como nove. Foron Breixo e Jorginho. Así, o Antela foi un puño movido por un poderoso brazo: Bruno Pío-Lois-Caneiro e Anxo.

Con Boán no seu nivel de todo o ano, o adestrador utilizou a Cole e a Tiago nos laterais, e foron de menos a máis: acabaron por merendarse aos rivais en canto se adaptaron ao escenario. Adiante, Bruno soltou os lobos (benvido, Outeiriño) liderados polo Pedro. E o Antela foi pouco a pouco gañando balón e campo. Outeiriño avisou aos vinte minutos cun remate ao pau. Dez minutos despois sorprendeu cun disparo a media altura que o meta local non soubo atallar. Con presión alta e boa circulación de balón, o Antela someteu ao Velle até o descanso.

O partido estaba para Antón, que apareceu xusto tras o descanso por Joni, con molestias. Antón, xa se sabe, colle o balón, encara, surfea e sementa o caos. Nese caos navegou o Antela durante vinte minutos na segunda metade. Desatouse. Outeiriño descoseu a defensa local pola dereita buscando o interior; Antón desfíxoa pola esquerda percutindo; Anxo, na punta, e Pedro e Carlos, desde os tres cuartos, os lobos, empuxaron cun despregue sobresaínte. Foi o mellor Antela fóra da Moreira desta Liga. Un equipo en pleno salto.”

Si, aquel foi o partido-trampolín, cun equipo en pleno salto, exorcizando a pantasma do Monte Aira (escenario nove meses antes dun naufraxio), dando un golpe na mesa despois dun comezo de ano dubidativo e arrancando o esprint cara o título, a confirmación de que o Antela gozaba dunha segunda unidade poderosisima (que inda segue dando o seu froito en Preferente). Foi o día do primeiro gol de Pitu co A, do debut de Lucas Carnero, da estrea de Anxo Calleja nunha convocatoria. O futuro sempre está inscrito no pasado.

A crónica do partido-trampolín:

https://antela.fala.gal/2025/02/17/un-partido-trampolin/

Galería

Próxima entrega:
O ASCENSO DO XUVENIL EN ANTAS DE ULLA.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario