Nas xornadas 5, 6 e 7 da tempada 2025/26 o Antela foi líder do Grupo 2 da Preferente Futgal. Os de Bruno Gómez sumaron nese lapso unha vitoria na Moreira diante do Cented: 1-0 cun gol de Cole que serviu para colocar aos limianos na primeira posición o domingo 5 de outubro, un empate en Tui (2-2) e unha nova vitoria na casa contra o Pontevedra B (1-0). Foron tres semanas que marcaron un fito histórico.
Na campaña 2002/03, o Antela fora líder efémero nun triplo empate co co Vilalonga e o Alondras ao remate da terceira xornada de Liga. Na primeira xornada, o Antela vencera ao Hío na Moreira (1-0) con gol de penalti de Fabián no minuto 68. Empatara no Carballiño (1-1) cun tanto de Marcos, que acababa de entrar ao campo, no 89. E gañara o clásico co Celanova (2-0, goles de Martiñá e Óscar) na Moreira diante de 400 espectadores. Aquel ano conquistou a permanencia -rematou 14º- e gañou a Copa Deputación nunha final contra o Sporting Celanova.
Agora, hai apenas dous meses, o Choco cruzouse de novo no camiño dos limianos, desta volta para rematar co liderado dos de Bruno Gómez na derrota máis contundente das sufridas polo Antela nesta Liga. Na xornada 8, a última de outubro, o Antela caeu en Redondela (4-0) e perdeu a imbatibilidade e o liderado.
O 2025 foi un ano de récords, entre eles, a imbatibilidade en campo propio: un ano natural sen perder un so xogo na Moreira. Algo que pode tardar décadas en se repetir e leva a firma de Bruno Gómez.

