Todo son bos sinais para a Copa

A Copa goza dun prestixio grande entre os modestos do fútbol ourensán. Porque é unha copa; é dicir, un título, e non hai moitas ocasións de levantar copas. Porque só hai un campión por ano e aquí mídense todos os clubs co soño de ser o mellor entre os modestos algún ano.

O Antela regresa hoxe á Copa, un torneo polo que suspiran cantos adestradores pasan pola Moreira, a directiva, os xogadores… o Antela quérese un equipo de Copa, un clásico que disputou a primeira final, e perdeuna (1-0, contra o Barco). Naquel equipo xogaban o Belucho, o Prol, o Poldo… clásicos entre os clásicos que seguen sen faltar a un partido na Moreira.

O fútbol xira e xira e algunha vez os astros alíñanse e ese é o ano da Copa. Foino no 2003, no remate dunha tempada co Antela en Preferente, líder daquela Liga tras gañar ao Celanova, que sería despois o rival na final de Copa, co Mociño no banquiño do rival… case un relato do que acaba de acontecer.

O Antela mídese co Pabellón (16,30 horas) na segunda eliminatoria da Copa do 26. A última vez que se cruzaron na Copa, Carlos González -hoxe o nove limiano- tumbou ao Antela de Sabucedo cun chut desde fóra da área que sorprendeu a Dalama, hoxe de volta na Moreira. Foi na tempada 22/23, a da permanencia en Preferente despois do ascenso, no partido que se estreou Miguel Peral, o mediocampista verinense que tres anos despois está de volta no Arnoia que o domingo xoga en Celanova a gran eliminatoria desta quenda da Copa… todo son sinais.

Os futbolistas mancados apenas tiveron un par de semanas de descanso. Bruno Gómez deu unha pre-lista moi ampla con 23 nomes, entres eles, Couto, Tiago, Xabi, Antón… o cadro completo máis tres xuvenís (Iago, Carnero e Fabián) que parecen os únicos fixos xunto aos novos: Constela e Hernández.

O Pabellón, oitavo no grupo ourensán de Segunda Futgal, superou ao Paderne na primeira eliminatoria tras remontar un 2-0 con tres goles en vinte minutos.

O Antela superou na fase anterior ao Rocas (0-2, con tantos de Outeiriño e Carlos) xusto antes de comezar a Liga. Nos últimos anos A Moreira gozou de espléndidos partidos de Copa (o Barbadás, o Arnoia, o Barco) mais sempre cos limianos eliminados. Hai ganas de Copa en Xinzo, hai equipo para aspirar a unha praza na final, hai bos augurios.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario