PABELLÓN, 0; ANTELA, 2. Comentario: O Antela ten por diante un mes de xaneiro complicado con dous choques fronte a dous transatlánticos: o Portonovo na Moreira o día 11, e a visita ao Atios o 25. Cómpre coller o ton rápido despois do Nadal.
A Copa, o partido desta tarde diante do Pabellón, debería servir sobre todo para iso… amais de subir un chanzo no torneo e manter viva a ilusión.
A Copa serviu para recuperar a Jorge e dar confianza á segunda unidade, que necesariamente terá máis protagonismo a partir de agora. Marcaron Jorge e Outeiriño e os limianos negociaron o partido de xeito moi serio, cunha defensa case impenetrábel e un ataque que exhibiu variantes: atado a Antón, buscando a Jorge, percutindo con Dinís e Pedro, ameazando a balón parado…
O Pabellón foi un sparring digno, puxo intensidade en cada disputa e nunca baixou os brazos. O Antela insistiu polas bandas, con máis acerto pola esquerda, activando a Antón, de quen partiron as mellores accións de ataque. E con máis eficacia pola dereita, onde Dinís forzou un penalti no 44 que Pedro mandou ao pau longueiro.
O capitán foi quen máis rematou, con moita intención, pero sen sorte. Tralo descanso, Hernández entrou por Xabi e o Antela blindou a súa defensa con Peruzzo e o canario nun dobre pivote. Custáballes máis ao de Bruno atacar con continuidade. Mais nunha serie de saques de esquina tiveron o gol preto. Até que Jorge cazou un balón repelido polo meta local e matou o partido.
Jorge precisaba ese gol e unha tarde coma a de hoxe para se reivindicar entre a nómina de grandes dianteiros que exhibe o Antela. Sen Cole nin Lois, mancados, Mauro vai collendo sitio no lateral e Hernández apunta solucións defensivas no medio. O Portonovo, dentro dunha semana, servirá para establecer o punto exacto no que se atopan os limianos de cara a fase do campionato que definirá o grupo de equipos que loitarán por unha das prazas de play-off.
De paso, na Copa, o soño de cada nova tempada segue vivo, e Fabián (posibelmente o xuvenil con maior progresión no 2025) cumpriu hoxe o primeiro dos seus soños deportivos co debut no primeiro equipo.
FICHA TÉCNICA: AQUÍ.
