Probablemente o desafío chegue demasiado cedo para un Antela inda en proceso de consolidación como equipo-dominante na sexta categoría do fútbol estatal; é dicir, un equipo en condicións de loitar polo ascenso a Terceira División.
O desafío é o Portonovo, un club con trece tempadas en Terceira, que visita A Moreira pleno de confianza: seis vitorias consecutivas, un 3-6 en casa do líder Atios. O Portonovo gañou tres veces o título de Preferente (na 84/85, 01/02 e 09/10) e despois acusou un baixón do que segue intentando saír. O seu obxectivo é regresar a Terceira.
O Antela de Bruno Gómez é ambicioso, mais inda un tanto fráxil. O regueiro de baixas de xogadores (Esteves, Andrade, Kandeh… falta saber que pasará con Aragón), as lesións graves e a necesidade de asentar un once antes de dar minutos á segunda unidade limitaron o fondo de armario. Adiante, Outeiriño, Antón, Dinís e Jorge garanten a amplitude de recursos, mais no medio e na defensa houbo que fichar rápido e Constela e Hernández precisarán algo de tempo.
Os recursos alcanzaron para colocar o equipo 7º antes da última xornada da primeira volta, e non moi lonxe dos postos de play-off. A Moreira é un escenario propicio (inda que isto non inquietará ao Portonovo, que dispón tamén dun campo espléndido). A ambición do técnico e dos futbolistas dáse por descontada. O Antela foi quen de competir sempre contra os mellores. Mañá non será distinto, mais se quere deixar pegada nesta Liga ten que gañar aos mellores na casa.
O filial. O Antela B xoga en Maside diante do último clasificado. Busca a súa segunda vitoria da Liga (a anterior foi en Francelos, na xornada 7, en novembro) e reverter a tendencia que leva o equipo desde o cambio de adestrador. Desde a xornada 11 á 16, o Antela B ten os peores números da competición: sen vitorias e cinco derrotas en sete partidos. É de esperar que o descanso do Nadal axudara a recuperar xogadores e ánimos. O filial necesita algo de luz e non comprometer máis as súas posibilidades de alcanzar o obxectivo: a permanencia.
