A baixa de Bruno Pío, expulsado no último partido contra o Portonovo, e a confirmación de que o dianteiro Ancíbar Aragón deixou Xinzo para procurar equipo en Portugal son as principais novidades no Antela de cara ao choque de mañá na Moreira (16.30 horas) co Alertanavia no comezo da segunda volta de competición.
O Antela necesita sumar 16 puntos de aquí ao final para cumprir o seu obxectivo, a permanencia, que segundo as contas de Bruno Gómez alcanzarase con 45 puntos. Mais hai outros obxectivos que se van poñendo a tiro na medida en que o equipo medra: manter a serie de partidos invictos na casa, que se prolonga desde o inicio da tempada pasada; e loitar por unha das prazas (da 2ª á 5ª) que darán dereito a disputar o play-off de ascenso a Terceira. Ese é o soño do Antela agora mesmo.
A realidade é que o cadro de xogadores é limitado. Hai tres baixas por lesión para o que resta de campaña: Andrés (porteiro), Lois e Peque (defensas). Unha baixa máis, a do defensa luso Couto, que non ten boa pinta. E despois están as baixas que se foron sucedendo por saídas desde o mesmo principio da Liga: o centrocampista Esteves (que non chegou a debutar), os tamén medios Andrade e Kandeh, e agora o dianteiro colombiano Aragón, que disputou só dous partidos e en decembro pediu permiso para probar en ligas de Portugal.
Para ir cubrindo os ocos, o Antela incorporou a Constela, defensa procedente do Polígono, e a Carlos Hernández, un mediocentro canario que pasou polas canteiras do Avilés e do Numancia. Ambos están en período de adaptación, mais terán que asumir protagonismo á medida que avance a competición.
Un protagonismo que lle chega agora a Diego Martínez, Lulo, porteiro en idade xuvenil que vén de ser titular en varios partidos co filial en Primeira, unha experiencia que lle confire certa bagaxe para afrontar o seu debut no primeiro equipo (se non hai cambio de última hora e se recupera Iago, lesionado á volta de ano). Lulo é un meta en formacion que deu un salto importante esta tempada, que acaba de demostrar que ten condicións para xogar en Primeira e mañá terá ocasión de se medir en Preferente.
O FILIAL, A LUÍNTRA
O Antela B, último clasificado do grupo 4 de Primeira Futgal, xoga mañá (16.00) en Luíntra contra un Nogueira de Ramuín que xa está en modo ascenso. A distancia entre ambos equipos respecto daquel empate na Moreira no arranque da Liga é agora de 23 puntos. O Nogueira é, co Córgomo, o equipo máis goleador do grupo. Leva 38 tantos a favor, e a semana pasada mallou no Allariz (7-1), mentres o filial limiano perdía co daquela último, o Maside (1-0).
O Antela B precisa completar unha segunda volta a ritmo case de equipo de ascenso para evitar a debacle dun equipo en dinámica perdedora, pero que ten mellores futbolistas que xogo e resultados. O filial tamén deberá mirar de reollo aos rivais directos -hoxe o Purísima e o Francelos, que con 15 puntos ocupan praza de permanencia-. O Purísima xoga en Monterrei e o Francelos visita ao Velle.
