A dous meses do final da competición, o Antela é 5º e depende de si propio para se manter nunha desas catro prazas de play-off de ascenso. Mañá xogará en Gondomar contra o Porriño Industrial, terceiro clasificado, un punto arriba, no partido máis importante da historia do Antela na Liga. Nunca antes nesta altura estivo tan arriba, tan preto de aspirar seriamente a un ascenso a Terceira.
Son días de certa vertixe ben manexada por un adestrador ambicioso, Bruno Gómez, que tamén se cita co seu teito. Mais o Antela chega ao momento decisivo cun equipo moi consolidado a partir de Bruno Pío e os dous centrais (Boán e Pucho) a pleno rendemento, cun mediocentro como Peruzzo que equilibra toda a parcela defensiva, e varios dianteiros co coitelo na boca que bailan ao ritmo que marca Negrete, un futbolista dous corpos por riba da categoría.
O Antela espera a Pedro, un mes fóra despois dun accidente ao regreso de Bueu e que xa xogou uns minutos a semana pasada contra o Choco. E recupera a Tiago, ausente por sanción nese mesmo partido.
O partido de mañá é unha final moito antes do final. O Antela, o máis forte da Liga como local, probablemente discutirá a súa praza de play-off nos partidos de fóra (catro máis despois do Porriño: Atlético Arnoia, Valadares, Cultural Areas e Portonovo).
PORRIÑO INDUSTRIAL – ANTELA, domingo 17.30 horas no campo das Gaiandas (Gondomar).
No resto da xornada o Grupo 2 de Preferente Futgal hai varios encontros o Arnoia (8º) recibe ao Portonovo (4º) e o Pontevedra B (2º), ao Sporting Celanova, en descenso. Os de Ángel Mociño serán o rival dos limianos o próximo xoves na Copa. E inda teñen pendente o enfrontamento de Liga suspendido hai un mes pola inundación da Moreira. Entre os aspirantes a alcanzar o play-off, o Lemos (6º) recibe ao Umia, e o Cultural Areas (7º) visita ao Valadares. O Atios, que seguirá líder outra xornada máis, visita ao Moaña.
A BASE
O Antela B, que sumou o seu primeiro punto do ano o domingo en Barbadás contra o Purísima e segue último, xa case sen opcións de manter a categoría, recibe ao Melias, penúltimo clasificado. O partido xogarase o domingo a porta pechada pola sanción que trouxeron os incidentes durante o partido de hai dúas semanas contra o Francelos.
Os xuvenís, que perderon tres dos últimos cinco partidos xogados entre febreiro e marzo, reciben este sábado (12.15 horas) ao Val Miñor “C”, que loita por evitar o descenso. Unha vitoria, con oito xornadas por diante, daría case a permanencia ao Antela, que marcha 7º con 31 puntos. Deses últimos oito xogos, os limianos disputarán só tres como locais, entre eles o choque contra o líder, o Cented.

