O Antela cae co Porriño, o filial gaña por fin na casa

O Antela cedeu na súa visita ao Porriño Industrial (2-0) tres puntos que poden resultar chave para alcanzar un posto de play-off. Bruno Gómez aliñou de inicio a Tiago, Constela, Pedro e Negrete. O cadro local traduciu o seu dominio no xogo cun tanto no minuto 28. No descanso, Carlos e Hernández entraron por Lamas e Boán. O Porriño aumentou a vantaxe no minuto 68, pouco antes de quedarse con dez por expulsión de Cacheda (dobre amarela). Nos minutos finais, con Jorge, Dinís e Cole xa no campo, o Antela intentou sen éxito alcanzar o empate.

VITORIAS DA BASE

O filial remontou diante do Melias para vencer (4-2) nun partido xogado a porta pechada no Fernández Carrera por sanción federativa. Os de Forri cederon o control do choque e aos 16 minutos o Melias xa mandaba 0-2, con outros dous tiros ao pau. Mais Belucho aproveitou un bo pase de Joni para colarse pola dereita até a area pequena rival e sorprender ao meta polo pau corto. O gol, aos 18 minutos, reactivou o Antela B, que equilibrou o xogo e xusto antes do descanso logrou o empate cun disparo raso a media volta de Germain. Tralo descanso apareceron Felipe e Codes no partido para axitar a banda esquerda e, máis intenso e vertical, o Antela B fíxose co control e gozou de oportunidades dabondo para completar a remontada moito antes do final. Mais o terceiro gol local non chegou até o 90 cando Joni foise por velocidade dos centrais para cazar un balón longo que enviou a rede sen apenas oposición do meta visitante. No desconto, Joni (un gol, dúas asistencias) agasallou a Codes cun pase para pechar un partido no que os locais impuxeron a súa superioridade física.

Carlos Pires volveu marcar.

O xuvenil venceu o sábado ao Val Miñor “C” con goles de Bechiki e Carlos (2-0). Sumou así a décima vitoria do curso, que o mantén na sétima praza, 13 puntos por riba do descenso con oito partidos por se disputar.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario