O partido correspondente á 21ª xornada do Grupo 2 de Preferente Futgal entre o Antela e o Sporting Celanova, aprazado no seu día polas inundacións en Xinzo, xogarase mañá xoves, 19 de marzo, ás 17.00 horas na Moreira coa arbitraxe do colexiado Carlos López López.
O Antela chega ao clásico co Celanova en sexta posición (con 43 puntos, a só 2 do obxectivo marcado por Bruno Gómez para a permanencia) e podería ascender unha praza (e regresar a zona de play-off) se gaña.
O Sporting de Ángel Mociño apura as súas opcións de permanencia. Marchan penúltimos a 7 puntos da 14ª praza, ocupada agora polo Cented. As lesións lastran ao equipo celanovés desde os primeiros meses de competición. E como visitantes os seus números reflicten eses problemas: apenas sumaron 4 empates e 6 goles a favor en catorce saídas.
Malia a todo, o Celanova foi quen de empatar sen goles na última visita á Moreira hai un ano, cando ambos equipos competían polo ascenso, obxectivo que finalmente alcanzaron.
No cadro local, recuperado Pedro, con Tiago e Mauro Sabucedo de volta, o clásico presenta un dobre incentivo: superar os 45 puntos nos que se cifra a permanencia e continuar na pelexa por un posto nos play-off de ascenso. Ademais, o Antela pretende ampliar a súa serie de imbatibilidade na Moreira, onde na Liga suma 9 vitorias e 3 empates cunha media de dous goles por partido.
Nesta data estaba programado o partido de Copa Deputación entre ambos clubs, que se atrasará unha semana debido a esixencia da Federación Galega de Fútbol de que se disputase canto antes o partido aprazado a principios de febreiro para non desvirtuar a competición ligueira. Deste xeito, a eliminatoria de Copa xogarase o día 25, o mércores da próxima semana.
Imaxe: Pucho e Emanuel, durante o partido da primeira volta en outubro. @SportingCelanova
