O Antela -o mellor dos ourensáns na Preferente- é o favorito na Copa. Mais o camiño até a final de maio no Couto inda é longo e moi empinado. Hai 22 anos que o Antela non completa ese camiño.
E, desta volta, será no mellor dos casos, un camiño ao sprint, con tres partidos en 12 días.
Os de Bruno Gómez reciben ao Sporting Celanova mañá mércores na Moreira (20.30 horas) na última eliminatoria de oitavos de final que queda por resolver. O gañador medirase en cuartos de final ao Polígono, vencedor na ronda anterior do Purísima. E por esa parte do cadro xogarase tamén o A Peroxa-Cented. Os cuartos son xa a próxima semana, o xoves día 2. E inmediatamente despois, o domingo 5, as semifinais.
Mais antes de pensar na semana santa o Antela ten que superar de novo ao Celanova. Fíxoo con comodidade hai unha semana diante dun equipo moi debilitado polas baixas. O Celanova vén de reaccionar na Liga (2-1 contra o Choco) onde intenta amarrase á categoría. O Sporting, tamén con Ángel Mociño no banquiño, foi o rival na final daquela Copa do 2004 que gañou o Antela poñendo o ramo a unha tempada fabulosa do equipo. Este ano as cousas van inda mellor, así que as expectativas son boas. Hai fame de gloria no vestiario limiano. E A Moreira é un fortín desde hai 18 meses. Bruno Gómez arrancou a serie cun empate diante do Maside (2-2 en setembro do ano 24) e leva 29 partidos (un na Copa da tempada pasada: 1-1 co Barco, que se impuxo aos penaltis) sen perder na Moreira.
A Copa era o soño do Joni, que este ano decidiu estirar un pouco a súa carreira para axudar ao filial (leva 7 goles, suma 92 en Preferente, Primeira e Copa no Antela desde a tempada 16/17). A Copa é tamén un obxectivo do Pedro Castro, espírito limiano que comparte con Joni e Breixo, que alcanzou a súa máxima expresión estes anos naquela eliminatoria contra o Barbadás na Moreira a tempada milagre. Foi ás portas do verán do 2022, caeron os limianos despois de ter saído do fondo pozo no que se atopaban en xaneiro. Aquela noite contra o Barbadás, e xogando con dez, marcou Pedro. A Moreira, de certo, garda memoria destes xogos épicos e empuxará o seu estes doce días que poden valer unha praza na final desa Copa que tanto se anhela.

