Despois da decepción da Copa, o Antela volve á Liga cun partido na Queixeira (domingo, 18.00 horas) con moito en xogo e a perspectiva dunha semana de descanso por diante. Os de Bruno Gómez xa non teñen outro obxectivo que alcanzar os play-off e nesa labor queimarán todas as forzas que lles queden tras oito meses ao máximo nivel.
Na Queixeira hai moito en xogo porque o Arnoia amarrouse ao grupo de cabeza e está a seis puntos da quinta praza, porque en xogo está ser o mellor equipo ourensán da categoría e porque se cruzan dúas traxectorias paralelas: ao Antela cústalle gañar fóra e ao Arnoia, un mundo facelo na casa (inda non gañou neste 2026). O empate non lle serve de moito a ningún.
Os dous equipos coñécense ben, varios futbolistas xa vestiron as dúas camisetas (Quintairos, Peral, Tumbeiro, Outeiriño…), é un choque se segredos para os técnicos. Limitada a capacidade de sorpresa, é un tópico aventurar que decidirán detalles (a calidade). E todo o mundo mira a Negrete, que nunha boa tarde non hai defensa que se lle resista na categoría.
O Antela preséntase con menos pólvora (leva 6 goles menos a favor), pero como terceiro equipo que menos tantos encaixa. Ademais de Negrete, neste último tramo está a sobresaír Carlos Hernández. A eliminación da Copa xa fai parte desa historia de desamor que alimenta a obsesión do Antela co torneo. Na Liga, este ano como o anterior, hai poucos rivais que lle tusan ao bloque de Bruno Gómez, arquitecto do mellor Antela que se recorda.
O FILIAL, ESTE SÁBADO NA MOREIRA (17.00) CONTRA O SPORTING CARBALLIÑO
Con sete partidos para o final e mínimas opcións de salvar a categoría, o Antela B volve á Moreira para recibir a unha das sorpresas da Liga, o Sporting Carballiño, terceiro e, polo que parece, comodamente asentado en praza de play-off. Os visitantes veñen dunha serie de oito partidos sen perder (6 vitorias e 2 empates).
OS XUVENÍS, O DOMINGO POLA MAÑÁ NO FERNÁNDEZ CARRERA
O Antela recibe ao Valadares o domingo ás 12.00 horas na 24ª xornada da Preferente Futgal xuvenil. O obxectivo da permanencia está neste caso cumprido, mais o regreso goleador de Carlos Pires e o fondo de armario manteñen ao equipo enchufado. Buscarán a sétima vitoria da Liga na casa e marchar ao descanso de semana santa con opcións de lle disputar a cuarta praza ao Barbadás, ao Coruxo e ao Santa Mariña, equipos cos que inda se teñen que volver medir.
