Ao Antela faltoulle campo na Queixeira. E o Arnoia, que loxicamente ten ben medido o seu, levou o choque ao rego das súas habilidades: fútbol directo, intensidade até o límite e paciencia. Loitaba o Arnoia contra si propio, incapaz de traducir en ocasións claras a súa proposta, na casa, diante da súa xente, -o Antela, a velas vir, incómodo, cunha presión tímida, respondendo aos balóns frontais coma un frontón- cando Carlos tirou ao pau nunha falta desde a frontal. No cuarto de hora antes do descanso probaron todos: Carlos, de novo; Pedro de cabeza; Negrete, Charli. O Antela estivo un corpo por riba e exhibiu todos os seus recursos en ataque todo o ancho que daba o campo. Parecía que ía ser cousa de Negrete, ou de Carlos, en calquera acción.
Así de convencido saltou o Antela despois do descanso. Mais un esvarón de Peruzzo nos tres cuartos abriu a porta da defensa. Avanzou un mediocampista local, dous toques e o balón apareceu na dereita e voou até o segundo pau, superados Bruno Pío e os centrais, para chegar a Tumbeiro que empuxou a porta baleira.
Foi un gol simple, ben executado, que culminou a proposta do Arnoia. Cazado o botín, os locais botáronse atrás, ataron en curto a Negrete con toda a sorte de armas que lle permitiu o árbitro e desordenaron definitivamente a un Antela que quixo xogar a ras e non acertou, que non puido atacar polas bandas porque non había, que non conseguir cambiar a dinámica (aclararse) nin cos cambios de refresco, e que inda así tivo ocasións claras (Negrete, Boán, Charli) para alcanzar o empate que mereceu.
O Antela fixo máis fútbol nun campo que non lle conviña, mais o Arnoia gañou o partido sen brillo, coa roupa de traballo, na mina, cavando un burato no que acabou enterrando ao Antela. Así é a vida lonxe da Moreira.
Na Moreira, os limianos gozan co fútbol veloz, a pausa, o toque, un xogo aberto nun prado inmenso que ten labirintos, corredores, tobogáns, atalaias, grutas do tesouro, pistas de baile, malabares, coellos e sombreiros, os lobos non comen ás ovellas e inda se vén saltar os salmóns que non se recordan no Limia.
Na Moreira o fútbol é outro conto, será pola herba, o vento, a chaira, será porque temos a sorte de xuntar a Negrete con Charli, a Carlos con Mauro, a Pedro con Peruzzo. Será por iso que este Antela fai feliz á súa xente inda que perda lonxe da Moreira intentando xogar como gosta. E que o próximo partido se espere coma un agasallo (a estas alturas, quen o ía dicir…).
E para o próximo conto na Moreiras haberá que esperar quince días.
Imaxe: @PabloL.Gil / Antela F. C.
FICHA TÉCNICA: Aquí.
A BASE
O filial perdeu na Moreira o sábado diante do Sporting Carballiño (0-3). Segue último, agora xa a 12 puntos da teórica última praza de permanencia, polo que podería descender se perde na Poboa do Brollón e os seus rivais directos gañan.
O xuvenil impúxose ao Valadares o domingo pola mañá no Fernández Carrera, e sumou a súa 11ª vitoria na Liga con tantos de Calleja, Fabián e o recuperado Pablo Novoa. Á volta da semana santa xogará contra o Barbadás, que lle leva 4 puntos.