A Liga linda na Moreira

Bruno e Iago, porteiros; Pucho, Boán, Tiago, Constela, Cole e Couto, defensas; Peruzzo, Xabi Lamas, Hernández e Mauro Sabucedo, centrocampistas; Pedro, Carlos, Jorge, Charli, Dinís e Negrete, dianteiros. Esta é a lista de convocados de Bruno Gómez para o partido desta tarde (17,30 horas na Moreira) diante do Lemos, un dos rivais directos do Antela na pelexa por unha praza nos play-off. O Lemos (con 48) está só un punto por detrás dos limianos.

Hai 6 xogadores do Antela que acumulan máis de 2.000 minutos no que vai de tempada, e outros 4 por riba dos 1.800 minutos. No Lemos hai 6 por riba dos dous mil, mais só outros dous por riba dos mil cincocentos. A Moreira, nunha tarde que se espera fría, despois dunha semana de adestramentos baixo temperaturas mornas, o factor físico pode ser un dos desequilibrantes dun choque entre dous conxuntos moi parellos.

O Antela é o cuarto mellor equipo da segunda volta, con dúas vitorias e dous goles máis que o Lemos (o 7º mellor). O Antela é forte na casa, mais o Lemos é un dos visitantes máis duros. Suma 22 goles a favor nas súas saídas (1,5 por partido) e 19 en contra (1,3). Os limianos, neste apartado, levan apenas 8 a favor e 18 en contra.

Na ida o Antela perdeu 1-0, o marcador máis repetido como visitantes nesta Liga, xunto co 0-0 (tres veces ambos). Na Moreira, a tempada foi outra historia: abundancia de goles e só 7 en contra (1 gol cada dous partidos). Neste último apartado só hai un equipo mellor: o Lemos, que só concedeu 4 no seu campo.

Cos depósitos exhaustos e tanta igualdade, o Antela fixo un chamamento ás ANPAS dos colexios con entradas gratis para animar a grada, o Lemos moverá a súa xente, cada detalle importa, o prado da Moreira volve lucir espléndido, Bruno Gómez conta con todos (regresa o portugués Couto, que non acabou de coller o fío lastrado polas lesións) e malia a derrota na Arnoia, o equipo chega con boas sensacións amarrado a calidade diferencial de Negrete e ao espírito que impón Pedro Castro aos lobos na presión, que na Moreira é máis intensa.

Hai partido na loita polo play-off. E o Antela na Moreira nunca se vence, e por Xinzo inda teñen que pasar o Moaña e o Umia. A chave da tempada (fabulosa) está na casa, mais a chave dos play-off pode estar fóra. Antes, toca facer o traballo na Moreira e deixar ao Lemas catro puntos atrás. A Liga é linda na Moreira.

Co Atios e o Pontevedra pelexando polo título, os ollos do Antela estarán posto nestes outros catro partidos: Cented-Porriño, Beluso-Arnoia, Portonovo-Moaña e Umia-Cultural Areas.

A BASE

O xuvenil gañou onte o derbi co Barbadás (1-2) con goles de Dameá e (de novo) Carlos Pires antes da media hora de xogou. Recortou a distancia o Barbadás antes do descanso. E o Antela resistiu ben na segunda parte xogando cun máis desde o minuto 79 por expulsión dun local. Os limianos sumaron a súa 12ª vitoria en 25 partidos e manteñen a sétima praza a tres xornadas para o final da Liga.

O Antela xoga este domingo na Proba de Brollón (no campo dos Medos, ás 17,30 horas) co descenso matemático axexando. Sen Joni na convocatoria, Forri recorre a catro xuvenís que xogaron onte en Barbadás (David, Lucas Carnero, Veloso e Fabián). Tampouco comparecen Javi Pérez e Xurxo (ambos por sanción) e Álex Teixeira, entre os convocados na xornada anterior. O Antela é último con 17 puntos, a 12 do Allariz, 13 do Maceda e do Francelos, e a 16 do Brollón, implicado nesa pelexa pola permanencia na que andan tamén o Melias e o Purísima.

Adestramento do primeiro equipo o xoves na Moreira. Imaxe: Pablo L. Gil

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario