Negrete é Willy Wonka coa súa fábrica de chocolate instalada na Moreira, un campo de conto para os ollos do neno que todo o afeccionado ao fútbol leva dentro. Charli é o líder dos lobos, o heroe que nos guía polo campo dos soños cando Pedro cae exhausto. Un soño doce na Moreira, que non o cre: a cinco xornadas do final o Antela é 4º e converteuse nun dos aspirantes ao ascenso.
Negrete sacou un pase de gol desde o búnker da esquina, coa precisión dun golfista que coloca a pelota no punto exacto da área pequena para que chegue Charli e remate coa testa unha obra de arte futbolística. Despois Charli devolve o agasallo nun pase profundo e preciso para que Negrete faga outra vez maxia co nocello e gol!
En vinte minutos o afortunado Antela pasou por riba dun bo Lemos, tan ordenado como os locais, moi avisado do que se ía encontrar, con pólvora nas botas de Youness, dominador mais ao fin vencido polas cousas que Negrete/Wonka atopa nese sombreiro prodixioso que non se ve pero que leva sempre posto, como cando de calcaño deixou a Pedro diante do porteiro e só a rapidísima intervención dun defensa evitou que se completase outra fantasía.

O Lemos marcou antes do descanso e o Antela viuse apurado por momentos. A defensa sempre resolveu ben, cunha parella de centrais a un nivel moi notábel e Pucho e Tiago cumprindo o seu traballo. O medio campo local (Peruzzo-Hernández) varreu todo o que puido e arriba, Charli, que por momentos parecía Pedro, completou un partido enorme.
Na segunda metade, co Antela atrás, Charli axudou a tapar a Youness e ofreceuse como primeira opción en ataque. O Lemos tivo intención, mesmo mandou outro balón ao pau, pero as mellores opcións foron locais. Os cambios acabaron por equilibrar o partido nos minutos finais, co Antela feito un muro e Charli metendo en líos á defensa visitante.
O soño é máis vivo que nunca. O Antela non perde na casa e a pouco que a sorte acompañe nas próximas visitas, o play-off tocarase coas mans. O camiño é o seguinte: Valadares (fóra), Moaña (na Moreira), Cultural Areas (fóra, na ponte de maio), Umia (na Moreira) e Portonovo (para pechar a Liga fóra o 17 de maio).
A BASE
Non todo son alegrías. O filial perdeu en Brollón (2-0) e apañou a 18ª derrota da Liga. Pendente do Purísima-Francelos, o descenso matemático inda non se produciu.