O Antela de Bruno Gómez chega á cita co Valadares nunha posición de privilexio, en boa dinámica e con certa marxe para amarrar ao final da Liga unha praza nos play-off. Os limianos teñen que cambiar radicalmente o “chip” diante dun rival accesíbel e volver gañar fóra -máxima esixencia-, algo que non conseguen desde o primeiro domingo de febreiro (na visita ao Beluso), hai dous meses e medio xa.
Neste lapso, o Antela sumou un punto nos campos do Cented (0-0) e do Pontevedra B (0-0) e perdeu no Porriño (2-0) e na Arnoia (1-0). É dicir, leva catro partidos fóra sen anotar un gol, inda que apenas recibiu tres. Despois das últimas exhibicións na Moreira, o equipo mira cara a Negrete e Charli -os dous futbolistas que están a marcar a diferencia esta tempada-; mentres a defensa consolídase co bo rendemento de Constela xunto aos habituais Boán, Pucho e Tiago e a recuperación de Cole.
O Antela deste ano é golpeo rápido (un jab, un gancho) e cóbados pechados e queixo baixo para evitar o knoc-out. Transicións. Pouco baile no medio do ring. Mais aí, no medio, na sala de máquinas, é onde pasan moitas das cousas importantes. Se Pedro ten folgos, o Antela voa. Se Peruzzo colle o sitio, e pasa case sempre, o Antela ordénase… e voa. O Antela leva un tempo que sae aos partidos a medirse consigo propio e, case sempre, parece un punto por riba do rival.
Esa convicción tena que manter mañá (18.15 horas) na Gándara, diante dun Valadares en dúbidas, que parece frouxo na casa (onde perdeu co Porriño, co Arnoia, co Portonovo, co Areas…) e segue vivo na Liga polo seu bo rendemento como visitante. Na segunda volta de competición a diferencia entre o Antela e o Valadares son oito puntos e cinco goles -balance entre anotados e encaixados-. Por iso os de Bruno Gómez son favoritos, e malia as baixas de Lois (de longa duración), de Antón (que deixou o equipo) e de Outeiriño (lesionado hai dúas semanas), e dos sancionados Boán e Carlos González, o técnico dispón de suficientes recursos para aparecer como favoritos diante do Valadares. Mauro Sabucedo e Cole, futbolistas para todo, poderían entrar no once de mañá.
A BASE
O xuvenil xoga esta mañá (12.00) no Fernández Carrera diante do líder da Liga de Preferente, o Cented, que persigue o ascenso. O filial recibe esta tarde (17.00) ao Monterrei. O Antela B, en función dos resultados da xornada, podería perder a categoría este domingo.
Durante a tarde de hoxe actualizaremos os marcadores destes dous partidos.
