O Antela mira cara arriba

O Antela recuperou a terceira praza da clasificación e aséntase na zona de play-off despois de gañar en Valadares (0-3), con tantos de Mauro Sabuceo e Charli -dous-, o xogador máis en forma do cadro limiano nesta altura. Os de Bruno Gómez deben recibir na Moreira ao Moaña (a próxima semana) e ao Umia (o domingo 10 de maio) e se manteñen a súa fortaleza na casa xogarán polo ascenso a Terceira por vez primeira na historia do club.

Faltan 4 partidos e o Antela dispón de 4 puntos de vantaxe a respecto do Lemos (6º), seis sobre o Arnoia e sete sobre o Areas, que xa parecen descartados na loita polos play-off. Hoxe, en Valadares, nunha tarde espléndida, con Mauro Sabucedo e Diogo Couto no once, no debut do xuvenil Lucas Blanco (o descubrimento do ano na canteira, xunto ao Lulo), o equipo de Bruno Gómez tivo fe, forzas e acerto.

Mauro Sabucedo adiantou aos visitantes no minuto 26, e o Antela xogou co vento de costas o resto do partido desde que apareceu Charli -o mellor na Queixeira, o mellor a semana pasada na Moreira- para decidir o choque con dous tantos antes do descanso (minutos 34 e 41).

Os goles, por certo, chegaron todos en disparos desde fóra da área. O de Mauro, desde a frontal, tras baixar o balón a pase de cabeza de Negrete. Charli anotou o seu primeiro desde a banda esquerda do ataque do Antela nun golpe franco que colocou na escuadra dereita da portería. E despois, nun roubo de balón no centro do campo, sorprendeu por alto ao meta local que se atopaba ao borde da área.

Nun mes, se a Liga non se torce moito, moito, o Antela estará xogando os play-off e, a día de hoxe, mesmo pode pensar en obter a vantaxe de campo: marcha terceiro, co Portonovo moi forte por detrás, pero cun Atios en crise de resultados tras ceder o liderado. Os de Bruno miran xa máis cara arriba que cara abaixo. O mellor está por vir.

FICHA TÉCNICA e CLASIFICACIÓN.

Lucas Blanco, debutante en Preferente.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario