Tarde de contas

A penúltima cita da Liga regular na Moreira, esta tarde (17.30 horas) contra o Moaña, ofrece ao Antela de Bruno Gómez a posibilidade de dar un paso definitivo cara os play-off. Se o Antela gaña na casa –onde suma dous goles por partido e encaixa un gol cada 225 minutos de media– a distancia co Arnoia e co Cultural Areas empezará a ser un mundo, e reducirá inda máis as posibilidades de caza do Porriño e do Lemos.

É unha conta sensata, porque independentemente do que fagan os demais, o Antela é forte na Moreira e o club fixo un chamamento ás entidades deportivas locais na procura da mellor asistencia da tempada nun partido que se considera clave. Ademais, volven Brais Outeiriño e Carlos González para reforzar o ataque, e Xabi Lamas e Cole van recuperando o ritmo dos lobos despois das súas lesións.

O Moaña, en calquera caso, non será un rival cómodo. Con 32 puntos, aínda non ten a permanencia asegurada. Hai un mes parecía outra cousa. Despois de gañar ao Atios (1-0), daquela líder, empatou no campo do Areas cun tanto no desconto. Mais a semana seguinte tivo que suar para empatar diante do Umia, último, e despois caeu en Portonovo e na casa diante do Alertanavia.

A previsión de chuvia, que pode alterar as condicións do partido, é outra das ameazas para un Antela -agora si, despois do triunfo en Valadares- centrado no obxectivo extra da campaña: o play-off polo ascenso.

Así está a cousa (puntuacións e rivais) a catro xornadas do final (o campión ascende, os catro seguintes até o quinto xogan os play-off):




Rival de hoxeXornada 32Xornada 33Xornada 34
1Pontevedra B63Porriño*VILALONGAArnoiaLEMOS
2Atios56ChocoPORTONOVOPORRIÑOAlertanavia
3Antela55MoañaCULTURALUmiaPORTONOVO
4Portonovo55UmiaAtiosALERTANAVIAAntela
5Porriño51PONTEVEDRAChocoAtiosVILALONGA
6Lemos51CELANOVACentedTYDEPontevedra
7Arnoia49CENTEDTydePONTEVEDRAChoco
8Cultural Areas48ALERTANAVIAAntelaBELUSOCelanova
* Os rivais: en maiúscula, o que xoga como local; en minúscula, como visitante.

A BASE

O xuvenil saíu goleado onte da súa visita ao Santa Mariña en Vigo (5-0). Todos os tantos chegaron na primeira metade na maior goleada encaixada na Liga (a anterior era o 4-0 no Pabellón). Foi ademais o sexto partido da Liga no que o xuvenil non conseguiu marcar. O equipo visitará Gondomar a próxima fin de semana, xogará despois na casa co Rápido de Bouzas e despedirá a tempada en Coruxo, cumprindo o obxectivo da permanencia.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario