O fútbol, ás veces, é como o tempo en primavera, pode morrer a tarde esperando que caia a tormenta e non pasa ren mentres abafas coa calor. Nesas andou o Antela, que non acabou de romper. O partido púxose de cara cando Negrete estirou a perna, máis vivo que un defensa e o porteiro visitante para aproveitar un centro de Mauro Sabucedo. Ían sete minutos e o Antela dominou o xogo os 20 seguintes sen aparente esforzo. A tarde, pesada; as pernas, cansas. Non apareceron os lobos con Pedro tirado á banda esquerda e Charli menos Charli que outros días. Inda así, o Antela mandou un balón ao pau e tivo opcións claras para ampliar a vantaxe.
Mais foi caendo na modorra, buscando a saída en balóns longos, cedendo campo aos poucos, e posesión. A tormenta dos lobos que non chega e o Moaña que ameaza a balón parado. Dous avisos e pum! O empate no último minutos nun remate de cabeza na área. Con case nada, un botín. E o Antela sen espertar.
A festa adiouse para despois do descanso. A grada, chea como nunca esta tempada, confiaba. O Antela saíu con máis intención na segunda metade, mais sen o vigor doutras tardes. A chuvia que non cae, os locais que lle poñen velas a Negrete. Charli que se esforza, Tiago que ten fe, Boán que non se fía. Lesionado Mauro, aparece Xabi Lamas no céspede. Tamén Carlos González. Os locais cambian de marcha; o Moaña, para o xogo en canto pode, xestiona a tarde quente sen fin. Morre o domingo cun empate que é ouro para eles.
Morre abril, morre o domingo… e entón aparece Charli, que ten o mapa do partido na cabeza, as forzas xustas. Actívase de novo Negrete, chega Pedro a área e caza un balón coa zurda na frontal que acaba dentro. Son dez minutos nos que o Antela parece máis fresco, lúcido. O Antela abraza o play-off. Pero o Moaña non se rende. A tormenta local non se desata. E o partido morre finalmente na área de Bruno Pío. Desta volta sae cruz.
O empate non é bo, mais tampouco é malo. Como esta tarde de primavera, incerta, na que os de Bruno Gómez defenderon A Moreira, un castelo tan castigado como o equipo, pero até hoxe inconquistábel. Faltou a tormenta, aparato eléctrico, a exuberancia doutros días, pero é primavera, un cara e cruz a estas alturas de Liga. O soño segue vivo.
Ficha técnica e clasificación.
