Sen Negrete, mais sen estrés

A portería é chave para sumar puntos fóra da casa. O Antela non é un equipo especialmente goleador como visitante -apenas leva once tantos, o terceiro que menos anota-. Mais a fortaleza defensiva dos limianos está contrastada: despois daquel afundimento en Redondela no mes de outubro (4-0 contra o Choco), os de Bruno Gómez non volveron encaixar máis de dous goles nun mesmo partido. No cómputo como visitantes, recibiron 18 tantos -os terceiros mellores do grupo-.

Nesta segunda volta, o Antela só cedeu en tres partidos, os tres fóra e contra rivais da parte alta: Atios en xaneiro, Porriño e Arnoia en marzo.

Así que de cara ao choque do domingo en Ponteareas as sensacións son positivas, marcadas por unha traxectoria excelente na Moreira e de notábel alto fóra. A chave da portería tena o luso Bruno Pío, o mellor porteiro da Liga na tempada pasada, un dos mellores nesta campaña e cun futuro prometedor.

Con Bruno Pío no seu mellor nivel, o Antela é un oso moi duro para calquera rival. No centro da defensa Boán volveu dar unha versión mellorada do que foi o ano pasado, e Pucho e Constela, dous debutantes, están moi por encima do esperado. Mentres, Tiago segue crecendo, este ano como lateral, e dando moitas solucións: centrado na defensa e selectivo nas subidas ao ataque. Cando faltaron Lois e Cole (mágoa de lesións de dous titulares) apareceu Mauro Sabucedo, e ao fin empeza a entrar tamén Couto, outro moi afectado polas lesións.

Se o Antela mantén a liña -na Arnoia, malia a derrota, estivo sempre no partido, que puido caer para calquera lado-, o Cultural Areas terá un choque costa arriba, porque as opcións de play-off dos pontevedreses son escasas.

Ultimamente, cederon empates diante do Vilalonga (no desconto), o Moaña (tamén no desconto) e o Portonovo; e perderon co Lemos (encaixando o 2-3 no desconto). Non gañan na casa desde febreiro.

NEGRETE, SANCIONADO

A importancia de manter a portería a cero é maior coa ausencia do máximo goleador do Antela, Jhonier Javier Negrete. O colombiano viu a quinta amarela o domingo pasado e cumpre ciclo. Un problema para Bruno Gómez, con Outeiriño saíndo da lesión, e Dinís e Jorge como alternativas.

Diante do Moaña, Mauro Sabucedo empezou como media punta desprazando a Pedro á esquerda e a Carlos González ao banquiño. Carlos parece o substituto natural para Negrete, mais Bruno Gómez podería mover máis pezas buscando certa frescura física que precisará fronte a un Cultural Areas ao que só lle serve un resultado.

A tres partidos para o final da Liga, co Antela salvado, coa mellor tempada histórica xa no peto dos récords, cun equipo que enganchou a afección, convén lembrar onde estaba o club hai apenas un ano: recén ascendido, despois dunha tempada coa máxima presión e soñando co modesto obxectivo da permanencia sen estrés.

Así que estrés, ningún.

Todos a unha.

A BASE

O xuvenil xoga este sábado (20.00 horas) en Gondomar un choque con pouca trascendencia para a clasificación. O equipo non poderá contar cos dous puntas: Carlos Pires e Álvaro. A intención dos técnicos é manter a intensidade competitiva para non sufrir outro “apagón” como o da primeira metade a semana pasada (5-0 no campo do Santa Mariña).

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario